O alumnado da escola de música Gain Over de Nigrán ofrecerá o sábado un concerto a base de cancións popularizadas por mulleres e o domingo terá lugar un espectáculo de maxia para todas as idades baixo o título ‘A igualdade non ten truco’
O Concello de Nigrán centrará esta fin de semana do 8-M, Día Internacional da Mulller, en sendas actividades culturais gratuítas dirixidas a sensibilizar á veciñanza sobre a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.
Con este obxectivo, o sábado 9 de marzo desde as 20:00 horas no Auditorio Municipal terá lugar o primeiro festival ‘Música pola igualdade’ a cargo da escola de música de Nigrán ‘Gain Over’, a quen o Centro de Información á Muller (CIM) do Concello lle encargou a misión de que o seu alumnado interpretase para este evento cancións popularizadas por mulleres. Con esta meta, os nenos e nenas de Gain Over levan meses preparado un concerto que incluirá os temas máis coñecidos de Amy Whinehouse, Dona Sammer, Tina Turner, Aitana, Katy Perry, Sania Twain, Rigoberta Bandini e Dover. O obxectivo é visibilizar á contribución da muller ao mundo da música mediante unha actividade lúdica e para todo tipo de públicos ao tempo que se rachan con fendas de xénero e se pon en valor o papel das mulleres artistas.
O domingo 10 de marzo a partir das 18:00 horas será o momento da maxia no Auditorio Municipal de Nigrán da man da compañía viguesa ‘Magia en la manga’. Por que hai máis ‘magos’ que ‘magas’? É certo que estamos afeitos ver magos, pero tamén existiron e existen hoxe moitas mulleres magas. ‘A igualdade non ten truco’ é un espectáculo divertido e máxico para todos os públicos que transmite ademais unha mensaxe esencial para a sociedade actual: promover a igualdade de xénero a través da arte do ilusionismo e das vivencias das mulleres ilusionistas. Unha maga e un mago forman este dúo máxico para realizar misterios e imposibles que ademais nos levarán por diferentes ideas e conceptos do feminismo e da igualdade de xénero. Viaxes e transformacións inexplicables, un conto de fadas reinventado ou unha volta atrás no tempo á época das primeiras e máis importantes meigas; son algúns exemplos que se poderán ver neste espectáculo cheo de sorpresas ata o final onde nada é o que parece. Unha aventura máxica para toda a familia na que se descubriá que, efectivamente, a igualdade de xénero non ten truco ningún.




