Hoxe comeza o horario ampliado da sala de estudo de aquí ao 12 de xullo
O Concello de Nigrán continúa esta semana coa súa programación especial polas Letras Galegas con contacontos este martes 14 e xoves 16 na Biblioteca Municipal de Nigrán a partir das 18:00 horas. A entrada é libre ata completarse o aforo.
Así, mañá será o contacontos infantil ‘A orixe’, de Raquel Queizás. “Contade o que sabían os antigos para que non desapareza…”. É un espectáculo de narración oral, manipulación de obxectos e monicreques. Unha exploradora chega á biblioteca para compartir as narracións escoitadas nas súas expedicións polo mundo. “No comenzo non existía nin o día nin a noite…”
Pola súa banda, o xoves 16 será ‘Contamos en Igualdade’, de Eduvía. Esta contada pola igualdade pretende rachar cos estereotipos dos roles tradicionais asignados aos personaxes dos contos en función do seu xénero, idade, etnia ou mesmo condición social, cultural ou funcional. A través de fermosos contos trataremos de reflexionar sobre a nosa relación cos demais, construíndo entre todos e todas un mundo máis igualitario e pacífico.
Ampliación de horario
Unha vez máis, e coincidindo coa época de exames, a Biblioteca Municipal de Nigrán amplía o horario da sala de estudo do 13 de maio ao 12 de xullo. Este será de luns a venres de 8:00 a 23:00 horas e sábados, domingos e festivos de 10:00 a 20:00 horas. Esta ampliación refírese exclusivamente á sala de estudo. O horario xeral para o uso de todos os servizos da Biblioteca é de maio a xuño de 9:00 a 21:00 horas ininterrumpidamente e sábados de 10:00 a 14:00. Enn xullo e agosto, de luns a venres, de 9:00 a 15:00 horas, e os sábados de 10:00 a 14:00 horas.




