Casi 70 veciños enviaron as súas fotografías e vídeos disfrazados
O Concello de Pazos de Borbén citou esta mañá a todos os participantes do desfile telemático de entroido para recibir os seus agasallos. A iniciativa contou coa participación de case 70 veciños de diferentes idades que, ante a imposibilidade de realizar o tradicional desfile no pavillón de deportes, enviaron as súas imaxes por whatsapp e mail para realizar un vídeo municipal de entroido.
Para evitar aglomeracións e garantir o cumprimento da normativa sanitaria, ademais da satisfacción dos pequenos, os xoguetes se desinfectaron previamente e expuxéronse no salón de plenos de forma que cada neno puidese escoller o que máis lle gustase á vez que cumpría o distanciamento social co resto de participantes. Os veciños que non puidesen achegarse esta mañá a recoller o seu agasallo poderán solicitalo ata o mércores desta semana nas oficinas do Concello en horario de mañá.
O alcalde, Andrés Igrexas, destacou a gran participación da veciñanza malia que a celebración realizásese de forma telemática. “Malia a preocupación do momento pola situación sanitaria é un pracer comprobar como os veciños queren manter vivo o espírito do entroido. Oxalá pronto podamos volver gozalo todos xuntos”, finalizou o rexedor




