HomePontevedraPoioO concello de Poio renovará e aumentará o número de recipientes para...

O concello de Poio renovará e aumentará o número de recipientes para a reciclaxe de aceite de cociña usado

- Anuncio -spot_img

• O concelleiro de Servizos, Julio Casás (PSdeG-PSOE), informa de que o municipio, que conta actualmente con 34 unidades, pasará a ter 37 nas vindeiras semanas

• O edil delegado da área fai fincapé na importancia de dar un tratamento axeitado a este tipo de restos, dos que un só litro pode contaminar 1.000 de auga

O concelleiro de Obras e Servizos Municipais, o socialista Julio Casás, pasou revista na mañá deste luns aos 34 contedores que o Concello ten repartidos por todo o termo municipal para facilitar a reciclaxe de aceite de cociña usado. Casás confirmou, asemade, que o Goberno local procederá á renovación de todas estas unidades, ao mesmo tempo que se ampliará o número de recipientes ata os 37. “Nos vindeiros días estudaremos os lugares onde se instalarán, tendo en conta cuestións como a poboación e a demanda da prestación”, indicou.

O edil do PSdeG-PSOE fixo a inspección dos contedores acompañado dun técnico da empresa responsable do mantemento dos mesmos. Julio Casás explicou que a firma realiza inspeccións e retiradas de restos de xeito periódico, cada dúas semanas aproximadamente. “Hai que ter en conta que algúns destes dispositivos levan xa moitos anos operativos e se atopan en evidente estado de deterioro, polo que procederemos á renovación de todos eles”, adiantou. A substitución destes recipientes e a instalacións dos novos levarase a cabo nos vindeiros días. Ademais, o concelleiro de Servizos informou de que proximamente na páxina web do Concello poderase consultar o emprazamento destes contedores, a fin de continuar promovendo a reciclaxe do aceite de cociña, uns restos que “poden chegar a ser verdadeiramente prexudiciais para o medio ambiente se non se tratan da maneira axeitada”.

Neste sentido, Julio Casás advirte de que “un só litro de aceite pode contaminar ata 1.000 de auga, polo que o feito de botalo pola pía pode provocar deficiencias nas tubaxes, ademais de malos cheiros. É un residuo incluso máis nocivo que o aceite dos automóbiles. A maiores, outra consecuencia é que as Estacións Depuradoras teñen un traballo extra para eliminar estes restos, o que redunda nun incremento da factura”. É por iso polo que o edil do Goberno local considera “imprescindible” que a reciclaxe de aceite de cociña continúe mplantándose e aumentando. “Actualmente estamos nuns niveis que son bos, como o demostra o feito de que contamos con 34 recipientes, lonxe dos oito que se instalaron por primeira vez hai algo máis de 10 anos”, explica o responsable de Servizos, que considera necesario que nesta práctica se implique tanto a cidadanía como o sector hostaleiro, de aí que o reparto dos contedores sexa o máis amplo posible.

A día de hoxe, os recipientes onde depositar o aceite atópanse na Rúa Valiña, A Seca, Avenida de San Xoán (48 e 10), Avenida da Seca, Avenida Beiramar 66 (Campelo), Antelo e Mariño, A Barca (números 12 e 39), Outeiro (20), A Porteliña (10 e 23), Camiño da Renda, Praza da Granxa de Campelo, Centro Comercial A Barca, Avenida da Cruz, Paseo das Redeiras, Rúa Oliveira, Río Oitavén, Río Illa de Tambo, Illa de Ons, Rúa da Capela, Rosalía de Castro, Praza Romay Besada de Samieira, Praza de Arís e Pereiro de Abaixo.

Tamén hai dispositivos habilitados nas proximidades dos centros educativos de Chancelas, Isidora Riestra, Espedregada, Lourido e do IES.

Publicacións Relacionadas