HomePontevedraO CondadoO Concello de Ponteareas abre o prazo de inscrición para o concurso...

O Concello de Ponteareas abre o prazo de inscrición para o concurso Balcóns Floridos

- Anuncio -spot_img

A Concellería de Medio Ambiente do Concello de Ponteareas, dirixida por Silvia Fernández Táboas, informa de que xa está aberto o prazo para participar no concurso “Balcóns Floridos”, unha iniciativa que busca implicar á veciñanza no embelecemento da vila a través da decoración de balcóns, ventás e pequenos espazos exteriores con flores e plantas.

O certame, que conta cun xurado de excepción como a Fundación Juana de Vega, nace cun dobre obxectivo ambiental e social: contribuír á mellora da paisaxe urbana e fomentar hábitos sostibles entre a cidadanía.

Con esta proposta, o Concello anima ás veciñas e veciños a converter os seus fogares en pequenos espazos verdes que aporten cor, vida e natureza ás rúas de Ponteareas, poñendo en valor a decoración natural como ferramenta para construír unha vila máis amable, saudable e atractiva. O prazo de inscrición remata o 15 de maio e a través desta ligazón poderase cumprimentar a inscrición https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSdwIZGMc9MAhkW8ykijK0ij3Whu33KyZOv3tqfmDQqXRRXD7g/viewform?pli=1

A persoa gañadora recibirá un premio de 200€ máis un vale para produtos de xardinería, o segundo posto de 150€ máis un vale de produtos de xardinería e o terceiro unha cea para dúas persoas. Ademais haberá un premio”Parroquias” dotado de 200€ máis un vale de produtos de xardinería para o gañador/a.

Desde a Concellería sublíñase que unha vila con flores e plantas ofrece numerosos beneficios tanto desde o punto de vista ambiental como estético. Entre eles destacan a mellora da calidade do aire, a absorción de dióxido de carbono, a redución de po e partículas contaminantes, a contribución á regulación da temperatura urbana e a creación de pequenos refuxios para insectos polinizadores como bolboretas e abellas.

Ademais, os espazos verdes contribúen a humanizar o entorno urbano, facendo as rúas máis acolledoras, agradables e visualmente atractivas, reforzando a identidade da vila e favorecendo o benestar emocional da cidadanía.

A concelleira Silvia Fernández Táboas destaca tamén que “non é necesario dispoñer de grandes espazos para contribuír a este proxecto común. Un balcón, unha xanela ou un pequeno xardín poden converterse nun lugar cheo de vida e cor”.

Neste sentido, a alcaldesa Nava Castro anima á veciñanza a aproveitar estes espazos e crear entre todas e todos unha vila acolledora que renda homenaxe os 365 días do ano ás flores e á arte das e dos alfombreiros ponteareáns. Balcóns Floridos vai moito máis aló das cores das plantas ornamentais e valora tamén o cultivo e composición de plantas aromáticas ou de horta. Esta última opción permite cumprir unha dobre función decorativa e práctica, ao tempo que promove hábitos de consumo responsable, alimentación saudable e contacto coa natureza no día a día.

Entre os beneficios para a cidadanía destacan a redución do estrés, a mellora do estado de ánimo, o fomento da convivencia e a sensibilización ambiental, especialmente entre a cativada.

Con iniciativas como “Balcóns Floridos”, o Concello de Ponteareas continúa avanzando cara a unha vila máis verde, sostible e participativa, na que a colaboración veciñal resulta fundamental para construír un espazo común máis fermoso e saudable para todas e todos.

Publicacións Relacionadas