- O Concello de Ponteareas acorda coa concesionaria un programa piloto de incentivos e a mellora da organización no Servizo de Axuda no Fogar
O Concello de Ponteareas vén de acadar un acordo coa empresa concesionaria do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) para poñer en marcha, a partir do 1 de outubro, un programa piloto de incentivos económicos dirixido ao persoal deste servizo.
O obxectivo é recoñecer o traballo e esforzo diario das traballadoras e traballadores, ao tempo que se reforza a calidade da atención ás persoas usuarias, que constitúen a principal prioridade do goberno local.
O plan contempla unha retribución adicional de ata 118 euros mensuais por traballadora ou traballador que preste de maneira efectiva o servizo. Este complemento extraordinario estará vinculado ao desempeño real da actividade.
Así mesmo, o Concello e a concesionaria acordaron que as nóminas se aboen sempre antes do día 1 de cada mes. Esta medida aplicarase xa na próxima nómina de setembro co obxectivo de dar maior seguridade e tranquilidade ao persoal.
En paralelo, Concello e empresa chegaron tamén a un acordo para o subministro de dispositivos telefónicos que permitirán mellorar a organización do traballo. Estes terminais serán entregados a todas as traballadoras en activo como data máxima o 15 de outubro.
Dende o Concello sublíñase que “con estas medidas queremos poñer en valor a importancia do servizo, apoiar ás traballadoras e garantir que as persoas usuarias e as súas familias reciban a mellor atención posible”.
O acordo xa está pechado entre o Concello e a empresa e será esta última a encargada de informar previamente aos representantes das traballadoras e traballadores antes da entrada en vigor do programa.
A iniciativa terá unha duración inicial de catro meses a partir do 1 de outubro, tras este tempo realizarase unha avaliación detallada para analizar os resultados e valorar a súa continuidade.
Con este paso, o Concello de Ponteareas reafirma o seu compromiso coa humanización e a excelencia nos servizos sociais, dando resposta ás demandas do persoal e priorizando en todo momento unha atención de calidade ás persoas usuarias.




