- A cidadanía poderá realizar o pago de tributos e outros ingresos no mesmo momento de expedición da carta de pago
- O pago con tarxeta terá prioridade fronte ao pago en efectivo na compra de entradas do auditorio
No día de hoxe, por orde do Concelleiro de Facenda do Concello de Ponteareas, Francisco J. Represas, fíxose entrega aos responsables de Recadación, Cultura e Policía Local, de dispositivos TPV con lector integrado Q60 para a xestión de cobranzas con tarxeta de pago.
A cidadanía poderá realizar o pago de tributos e outros ingresos no departamento de Rendas no mesmo momento de expedición da carta de pago, poderá adquirir as súas entradas no auditorio municipal de forma áxil e sen esperas mediante o pago con tarxeta que terá prioridade de xestión fronte ao pago en efectivo, ou abonar a taxa para a entrega dun vehículo no depósito municipal, todo iso sen necesidade de efectivo e evitando atrasos e desprazamentos a oficinas bancarias. Así, o contribuínte poderá pagar con tarxeta no departamento de Rendas tributos e prezos públicos como os de baleirado de fosas sépticas, taxas expedición documentos, matrículas do conservatorio e escola de música, ludoteca, taxas de exame, permisos de obras e ocupación de vías entre outras xestións.
Por parte da Concellería de Facenda desde hai meses e en resposta ás peticións e propostas da funcionaria municipal responsable da Tesourería municipal, impulsáronse e priorizáronse medidas encamiñadas a dispor dos medios técnicos, persoais e administrativos que viñan sendo solicitados desde hai anos polo propio persoal municipal para a debida atención das necesidades propias do departamento e da cidadanía na súa relación diaria coa administración municipal en canto á xestión de ingresos e pagos pola tesourería municipal. Sinala o departamento que a desatención de tales necesidades producida por anteriores responsables veu provocando un crecente malestar tanto no propio persoal municipal como na cidadanía de Ponteareas.
Resultado do anterior, e estreita colaboración coa funcionaria do Estado habilitada nacional responsable da Tesourería municipal desde hai 19 anos, desde Alcaldía e Concellería de Facenda impulsouse unha batería de medidas para axudar na simplificación dos trámites administrativos e recadatorios, tal e como precisa unha administración pública áxil e dixital ao servizo de todos.
Entre outra, destacan medidas como a tramitación e próxima aprobación dunha ordenanza fiscal xeral que regule aspectos fundamentais da recadación municipal para simplificar a tramitación por exemplo de fraccionamentos ou aprazamentos de débeda, devolucións de ingreso ou solicitude de bonificacións; a aprobación o pasado mes de abril dun novo Plan de Disposición de Fondos Municipal que incorpora entre outras medidas unha atención preferente daqueles servizos que se consideren esenciais para o correcto funcionamento da actividade do Concello ou de determinados servizos á cidadanía, ou cando o atraso dun determinado pago poida afectar substancialmente ao mantemento da capacidade produtiva e ao nivel de emprego do acredor.




