O alcalde Ricardo Martínez agradeceu ao alumnado, ao profesorado e á técnica de prevención de conductas adictivas esta iniciativa e avogou pola defensa dos hábitos e estilos de vida saudables
O alcalde do Concello de Portas, Ricardo Martínez, e os concelleiros Alfonso Vázquez, María Jesús Fontán e Ana María Peña fixeron entrega ao alumnos de 2º de EP do CEIP Domingo Fontán de varios dípticos con motivo do Día Mundial da Saúde dentro das actividades deseñadas pola técnica de prevención de conductas adictivas no eido local, Julia Búa Núñez, en colaboración coa Dirección Xeral de Saúde Pública, da Xunta.
Os alumnos de 2º participaron tamén no IV Certame de Debuxos Saudables, traballos que forman parte do díptico e tamén dunha mostra creativa destes nenos e nenas de Portas que, con tal motivo, se expón na Casa Consistorial.
Nesta ocasión, o Día Mundial da Saúde incide dun xeito especial na importancia de construír un mundo máis xusto e saudable. “A Covid-19 resaltou as desigualdades existentes entre os países, inxustas, que se poden previr garantindo servizos de saúde de calidade, cando e onde se necesiten”, indicou na presentación a técnica Julia Búa.
Esta iniciativa celebrada en Portas enmárcase dentro do Proxecto de Prevención de Condutas Adictivas no eido local dos concellos de Cuntis, Barro, Campo Lameiro, Moraña e Portas en colaboración coa dirección Xeral de Saúde Pública (Consellería de Sanidade). Así, conmemórase este día publicando e entregando nos centros educativos dos cinco concellos o Díptico do Día Mundial da Saúde.
O alcalde, Ricardo Martínez, aproveitou a ocasión para facer unha defensa da práctica de hábitos e estilos de vida saudable que permiten reducir a incidencia de enfermidades e mellorar a nosa saúde física, psicolóxica e social. Tamén agradeceu ao alumnado, ao profesorado do CEIP Domingo Fontán e a técnica en prevención de conductar adictivas a súa participación e implicación nesta iniciativa tan interesante.




