– O Concello de Redondela asinou hoxe un convenio pioneiro coa Asociación Radio Taxi Redondela e a Unión Sindical de Autónomos do Taxi de Redondela, que farán o traslado do alumnado das parroquias que carece de transporte escolar aos seus respectivos
institutos. Unha vez asinado o acordo o servizo comezará mañá, día 18.
– A alcaldesa, Digna Rivas, explicou que o goberno local “decidiu asumir este servizo por responsabilidade, malia ser competencia exclusiva da Xunta de Galicia, ante a dificultade de moitas familias para levar aos seus fillos aos institutos”.
– O goberno local de Redondela “seguirá demandando ante as Consellerías de Ensino e Mobilidade unha solución ás necesidades de transporte escolar do alumnado de Redondela, xa que se trata dunha competencia exclusiva da Xunta de Galicia” afirma Rivas.
O Goberno municipal de Redondela asinou este mediodía co sector do taxi un convenio para dar solución ao transporte escolar. Con este acordo pioneiro o Concello de Redondela dá reposta á necesidade de ducias de alumnos e alumnas de bacharelato que residen nas parroquias do municipio e que non dispoñen de transporte escolar para desprazarse ao instituto. A alcaldesa, Digna Rivas, explicou que o goberno local “decidiu asumir este servizo por responsabilidade, malia ser competencia exclusiva da Xunta de Galicia, ante a dificultade de moitas familias para levar aos seus fillos aos institutos”. No acto a rexedora salientou que “é un acordo pioneiro, único na provincia, e que o Concello de Redondela asume por responsabilidade”.
O convenio asinouse no Concello de Redondela entre a alcaldesa e os representantes da Unión Sindical de Autónomos do Taxi de Redondela , Manuel Giráldez, e da Asociación Radio Taxi Redondela, Juan Carlos Puga. Os taxis destes colectivos farán o traslado do alumnado aos institutos desde as mesmas paradas do transporte escolar de Cesantes, Quintela, Vilar, Porto Cabeiro, Reboreda e Ventosela. Os taxis farán o traxecto de ida e volta ofrecendo un servizo pioneiro na provincia do que se beneficiarán uns 50 alumnos e alumnas dos IES Pedro Floriani e Mendiño. Unha vez asinado o convenio, o servizo comezará a funcionar mañá, día 18 de setembro. Na sinatura do convenio Digna Rivas quixo agradecer tamén ao sector do taxi de Redondela “a súa boa disposición e facilidades para chegar a este acordo”.
A alcaldesa sinalou que “ante a falta de resposta por parte da Xunta de Galicia o goberno local de Redondela fai este esforzo para que ningún rapaz ou rapaza de Bacharelato quede sen transporte gratuíto aos seus institutos”. Engade a rexedora que “o transporte escolar é un dereito do alumnado que garante a igualdade de oportunidades para acceder ao ensino con independencia do seu lugar de residencia, e desde o Concello asumimos ese compromiso”.
Reunións coa Xunta de Galicia para esixir solucións ao transporte escolar
A alcaldesa Digna Rivas e o concelleiro de Ensino, Iván Valles, reuníronse nos últimos meses en varias ocasións cos responsables da Xunta de Galicia para tratar de darlle unha solución á falta de transporte escolar para ducias de alumnos e alumnas de Bacharelato. A alcaldesa tamén explica que “se enviou á Xunta de Galicia toda a información que nos solicitaron para dar resposta ao transporte escolar do municipio, este goberno municipal fixo os deberes, e a Xunta de Galicia debería poñer unha solución enriba da mesa”. O Concello segue á espera de que a Xunta lle faga chegar unha proposta para establecer liñas de autobús nas parroquias a través dun Servizo de Interese Municipal (SIMU) cun convenio entre a administración local e autonómica. Desde o Concello de Redondela mantívose contacto permanente tanto coa Consellería de Ensino como coa Consellería de Mobilidade, “pero polo de agora non ofreceron ningunha solución ás necesidades do transporte escolar en Redondela, e por iso poñemos en marcha desde o Concello o servizo dos taxis como alternativa”, sinala a alcaldesa.




