- As tarefas comezaron xa na parroquia de Cesantes e estenderanse de xeito progresivo por todo o termo municipal para que os camiños estean en perfectas condicións antes do verán. A actuación forma parte do contrato de mantemento que garante dúas limpezas completas ao ano e un investimento de case un millón de euros.
- A alcaldesa, Digna Rivas, destaca que o obxectivo é “garantir a seguridade viaria, a prevención de incendios e unha mellora real na calidade de vida das veciñas e veciños das parroquias”.
- O Concello de Redondela deu comezo este mes á campaña de limpeza e roza de toda a rede de camiños municipais, unha actuación que se enmarca no contrato de mantemento das vías municipais que se realiza dúas veces ao ano. Os traballos arrancaron na parroquia de Cesantes, onde as brigadas xa están a actuar, e desde onde se irán desprazando de xeito programado ao resto das 13 parroquias do municipio.
O cronograma de traballo deseñado polo goberno local establece que a totalidade dos camiños municipais e as súas marxes estean “en perfecto estado” antes da chegada do verán. Esta primeira fase de intervención, que se desenvolve entre os meses de abril e xuño, é fundamental non só para o ornato e a mobilidade, senón tamén “para cumprir coa normativa de prevención e defensa contra os incendios forestais antes da época de maior risco”, explica a alcaldesa Digna Rivas. Esta campaña é froito dun contrato cualificado por Rivas como “histórico”. Cunha licitación inicial de case un millón de euros por dous anos, o servizo garante, por primeira vez en Redondela, dúas rozas integrais ao ano en todos os camiños, unha na primavera e outra no outono.
“O noso compromiso coas parroquias é firme. Con este novo modelo de xestión aseguramos que as marxes das estradas estean limpas todo o ano e non só en momentos puntuais”, explica a rexedora. Rivas subliña que esta “aposta decidida” busca igualar a calidade dos servizos en todo o territorio municipal. Os traballos que se están a realizar non se limitan á roza de maleza, herbas e arbustos. O servizo inclúe a limpeza de gabias e drenaxes “para permitir a correcta evacuación da auga da chuvia e evitar asolagamentos”. As brigadas tamén retiran o lixo, plásticos, latas e outros desperdicios atopados nas beiravías. Todo o material vexetal é transportado e tratado segundo a normativa medioambiental. O mantemento realízase mediante medios mecánicos e manuais, sen o uso de produtos químicos, respectando a biodiversidade local.




