– O responsable da Xunta, Xosé Manuel Merelles, comprometeuse en novembro de 2024 a que en tres meses estarían os convenios asinados, prazo que rematou sen ter recibido no Concello comunicación algunha. A alcaldesa, Digna Rivas, está “na mellor das disposicións para asinar este acordo polo que agardamos desde hai anos” e confía en que desde a Xunta “se materialice tamén canto antes o seu compromiso”
– O convenio de cesión, asinado pola Xunta co anterior goberno do PP, establecía unhas condicións de seguridade con cámaras de vixilancia que son as mesmas que se conservan a día de hoxe na sala. Rivas lembra que, se o Plan Xacobeo ten intención de renovar a cesión “nas mesmas condicións”, os requisitos en materia de seguridade “deberían ser os mesmos que eran perfectamente válidos ata o de agora”.
O pasado 13 de novembro de 2024 celebrouse unha xuntanza no Concello de Redondela entre a alcaldesa, Digna Rivas, a concelleira de Cultura e Turismo, Rita Pérez Táboas, e o Director da Axencia de Turismo de Galicia, José Manuel Merelles Remy. Nese encontro Merelles comprométese a que nun prazo de tres meses estarían os convenios asinados, prazo que rematou sen ter recibido o Concello comunicación algunha. O responsable de Turismo da Xunta mostrou o seu interese por coñecer persoalmente a colección de cerámica de Sargadelos, visita que realizou coa alcaldesa e a concelleira Rita Pérez. Na visita Merelles puido comprobar persoalmente como está exposta a colección en vitrinas pechadas e ben conservadas, contando a sala con cámaras de vixilancia. A exposición leva pechada dende o ano 2020, onde dende a Xunta de Galicia non se fixeron labores de mantemento das salas, nin autorizaron ao Concello a facelas.
En referencia á solicitude feita pola Axencia de Turismo de Galicia en relación os medios que habilitará o Concello en materia de seguridade na sala da Casa da Torre, dende o Concello solicitouse á Axencia que remita as medidas necesarias a incluír en materia de seguridade. A alcaldesa lembra que o convenio de cesión, asinado pola Xunta co anterior goberno do PP, establecía unhas condicións de seguridade con cámaras de vixilancia que son as mesmas que se conservan a día de hoxe na sala. Rivas lembra que, se o Plan Xacobeo ten intención de renovar a cesión “nas mesmas condicións”, os requisitos en materia de seguridade “deberían ser os mesmos que eran perfectamente válidos ata o de agora”.
A alcaldesa, a través dos servizos técnicos do Concello, xa solicitou á Xunta “que na maior brevidade posible” se leven a cabo as xestións necesarias para a renovación dos convenios para o uso da sala da Casa da Torre, onde se alberga a exposición de Sargadelos, así como a cesión da praza da Torre e da parcela O Carballo das Cen Pólas e finca anexa A Garonda en Reboreda.
Rivas afirma que o Concello está “na mellor das disposicións para asinar este acordo polo que estamos a agardar desde hai anos”. A rexedora redondelá confía en que desde a entidade dependente da Xunta se confirme tamén canto antes esa boa disposición para facer o acordo oficial “tal como se comprometeu o director Miralles na súa visita a Redondela”.
Redondela solicitou a renovación dos acordos en reiteradas ocasións desde 2022
A rexedora sinala que desde o Concello de Redondela “fixéronse os deberes e solicitouse ante o Xacobeo en incontables ocasións a renovación dos convenios”.
O acordo remóntase ao ano 2016. O Concello de Redondela e a Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo asinaron en decembro de 2016 o contrato de cesión da sala de exposicións na Casa da Torre, propiedade desta Sociedade, así como da Praza da Torre. O prazo de vixencia, de 4 anos, expirou en decembro de 2020. Así mesmo, en febreiro de 2018, asinouse outro contrato para a cesión da parcela “O Carballo das Cen Pólas” e finca anexa “A Garonda”, en Reboreda. Os contratos establecían a posibilidade dunha prórroga “sempre que mediara acordo expreso das partes”. Os servizos técnicos do Concello puxéronse en contacto cos servizos xurídicos do Xacobeo indicando a intención do Concello de renovar o convenio.
Ante a falta de resposta reiterouse a solicitude en varias ocasións ao longo dos anos 2022, 2023 e 2024. A única resposta que se recibiu no Concello desta entidade dependente da Xunta é que a renovación do acordo “estaba pendente de levarse ao seu Consello de Administración”, explica a alcaldesa, Digna Rivas.
Houbo que agardar ata xullo de 2024 para obter unha resposta do Xacobeo. Tras reiteradas chamadas por parte dos técnicos municipais, o 27 de xullo de 2024 informan telefonicamente que o Consello de Administración xa autorizou a renovación do convenio, indicando que “nun par de días enviarán os contratos para a súa sinatura”. Estes contratos non chegaron ao Concello, e unha vez máis logo de reiteradas chamadas telefónicas, o 13 de agosto recíbese un correo do Plan Xacobeo. No escrito, asinado polo director de Turismo Xosé Merelles Remy, sinalan que a entidade está “en disposición de renovar o acordo nas mesmas condicións”. Por outra banda, nese correo indícase que o prazo de vixencia do acordo finaliza o 31 de decembro de 2024 “cando no Concello non se tiña constancia da prórroga dos convenios, xa que debería facerse de forma expresa tal e como recollen os contratos asinados, e tendo en conta as repetidas ocasións nas que solicitamos ditas renovacións”.
O Concello de Redondela xa respondeu que, por unha parte, está interesado en renovar o contrato de cesión da sala da Casa da Torre pero tamén renovar os acordos da praza anexa á Casa da Torre e a cesión da parcela “O Carballo das Cen Pólas” e a finca anexa “A Garonda”, tal e como se indicou en ocasións anteriores.




