- Instaláronse 14 novos contedores de maior capacidade para aumentar a capacidade de recollida en zonas con maior demanda
O Concello de Soutomaior acaba de levar a cabo unha nova mellora na súa rede de recollida de residuos sólidos urbanos coa instalación de novos contedores en catro zonas de Arcade. Os novos colectores son un 33% máis grandes que os anteriores polo que “mellorarán sensiblemente a capacidade de recollida en zonas nas que detectamos unha maior demanda”, explicou o alcalde, Agustín Reguera.
En concreto instaláronse 14 novos colectores de recollida lateral para renovar por completo 3 illas de recollida e renovar varios contedores en diversos puntos que estaban deteriorados polo uso. Os novos colectores teñen unha capacidade de 3.200 litros e substitúen ás vellas unidades de 2.400 litros instaladas nas rúas Muxeira, Forneira e nas illas de recollida das zonas do Peirao e A Feira. Dos novos 14 contedores, 9 están destinados á recollida de papel e cartón, vidro, envases lixeiros e 5 para os residuos sólidos urbanos.
O aumento na capacidade de recollida de residuos, indicou Reguera, fará que a rede municipal de recollida de residuos “sexa máis flexible #ante posibles incrementos de uso e sobre todo que sexa máis útil para os veciños. Un contedor cheo non é útil, é un problema de salubridade. Non podes esperar a que estea cheo para amplialo”, finalizou Reguera. A mellora conta cun orzamento de 12.878 euros que foron financiados a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.




