- Tamén acaba de finalizar a instalación do último tramo da rede de saneamento nese barrio
O alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, visitou esta mañá, acompañado polos deputados provinciais, Héctor Santos e Ana Laura Iglesias, dúas actuacións que o Concello acaba de poñer en servizo e que foron financiadas a través do Plan Concello da Deputación de Pontevedra, as novas pistas de tenis e petanca na Montesiña e o último tramo da rede de saneamento dese mesmo barrio.
A nova pista de tenis ten como obxectivo cubrir as necesidades federativas do equipo local que necesita dispoñer dunha segunda cancha para poder participar na liga nacional. Ademais, xunto a esta pista, o Concello instalou un novo campo de petanca para satisfacer a gran demanda deste deporte no municipio e que ata o de agora só gozaban dunha pista oficial no paseo marítimo de Arcade.
Do mesmo xeito, os traballos de mellora na rede de rede de sumidoiros consistiron na instalación de case 700 metros de novas conducións e conexións. Ademais, para garantir o correcto funcionamento da rede de saneamento a pesar dos grandes desniveis do barrio da Montesiña, instalouse un pozo de bombeo equipado cunha electrobomba de gran potencia. A instalación deste último tramo de rede de sumidoiros estaba destinada a dar servizo ao complexo deportivo da Montesiña e ao campo de fútbol Graciano Padin, onde xoga o CD Soutomaior.
“Trátase de dúas actuacións que ao final veñen satisfacer as diferentes necesidades da comunidade deportiva do municipio. Por unha banda, permiten competir en ligas federadas ao equipo local de tenis e ampliar as instalacións para un deporte tradicional, que cada día ten máis adeptos, como a petanca, e por outro finalizamos os servizos municipais en dous grandes centros deportivos como o pavillón e o campo do CD Soutomaior”, finalizou Reguera. As dúas actuacións contaban cun orzamento total de 122.000 euros, 90.000 da instalación do último tramo da rede de saneamento e 32.500 para os traballos de instalación das pistas deportivas.




