- O campamento de inmersión lingüística en Vos Peares amplía a súa oferta de prazas #ante o éxito da primeira edición
- A concellería de Xuventude do Concello de Soutomaior presentou esta mañá na área recreativa de Comboa a súa programación de actividades estivais. As propostas enmárcanse en tres tipos: formativas, saudables e de lecer educativo. Todas as actividades contan con estritos protocolos de seguridade e para participar os mozos deberán seguir todas as recomendacións sanitarias. O Concello proporcionará material sanitario para garantir que todos os participantes contan coas medidas de protección necesarias.
Para gozar do verán de forma educativa propóñense catro actividades. A máis popular é o campamento de inmersión lingüística, organizado pola Concellería de Educación, en Vos Peares. Unha proposta de cinco días na que os participantes realizarán distintas actividades de aventura nas que poderán mellorar o seu inglés de forma divertida. A iniciativa está aberta a mozas de 12 a 17 anos e conta con 50 prazas dispoñibles.
Outra saída proposta, esta de catro días de duración, é o Encontro Xuvenil “ Influencers polo mundo” que levará a cabo en Mondaríz Balneario. Unha proposta chea de actividades deportivas e ecolóxicas orientada tamén a mozas de 12 a 17 anos, ambos inclusive.
Tamén orientado a fomentar a conciencia ecolóxica da mocidade está o campo de Voluntariado ecolóxico “A pegada sostible non camiño. Unha iniciativa gratuíta aberta a veciños de ata 30 anos cun mes de duración. Por último, o 23 de xullo no Peirao de Arcade terá lugar o Festival SoutoMareiro, un concerto musical a cargo de Sheila Patricia e o dúo composto por Laura Lamontagne & Pico amperio.
Actividades saudables e formativas
Como todos os veráns, unha parte principal da programación de verán céntrase na promoción de actividades saudables en contornas de lecer. Así, este ano non faltarán as clases de bailes variados na área recreativa de Comboa, as sesións de Aquagym na praia de Muxeira e as sesións de danzas do munco na Xunqueira de Arcade e a pista de patinaxe do Peirao de Arcade
Por último, para os mozos que queren aproveitar o período estival para formarse o Concello de Soutomaior ofrece o “Obradoiro Social Pelegrín”. Unha actividade na que os participantes aprenderán a crear filtros de realidade aumentada para as redes sociais e utilizaranos na promoción do Camiño de Santiago.
O alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, cualificou a programación como “moi variada, con propostas moi interesantes para todo tipo de públicos”, e destacou que “a mellor noticia é que, aos poucos e con precaución, podemos volver gozar do verán de forma segura”, finalizou o rexedor.
As actividades teñen distintos prazos de inscrición, polo que os interesados en participar deberán dirixirse á Oficina de Información Xuvenil (OMIX), a través do correo electrónico omix@soutomaior.com e dos teléfonos 986 700 822 e 638 822 868, para consultar a dispoñibilidade e inscribirse nas iniciativas que desexen.




