Os espazos de recreo para os máis pequenos da vila están sendo obxecto dunha inspección por parte do Goberno local, para así poder reparar aqueles elementos que teñan algún dano e realizar aqueles labores de mantemento que sexan necesarias segundo o estado que presentes estas áreas.
Tal e como explicou a concelleira de Parques e Xardíns, Cristina Acuña, “actuouse especialmente nos parques da Virxe do Carme, no Parque Eguren e na Finca de Briz”.
Na urbanización da Virxe do Came, substituíuse unha escaleira dun equipo combinado que estaba rota e un poste. Ademais, reparáronse 40 metros lineais do elemento de madeira que delimita o céspede artificial.
No Parque Eguren, asegurouse de xeito provisional a peza dun elemento que está rota, á espera de que en breve chegue o recambio e se poda deixar totalmente reparado.
No que respecta ao parque infantil da zona alta de Briz, chorreouse e aplicóuselle un produto á madeira para facilitar a súa conservación. No parque do estanque, tamén foi chorreado todo o caucho e pintáronse dous elementos. Na área dos xogos musicais, substituíronse as madeiras que se atopaban en mal estado e renováronse baquetas e cordas avariadas. Tamén se levou a cabo o borrado de varios graffitis.
Por outra banda, independentemente de todos estes labores do día a día de mantemento dos espazos públicos destinados á infancia, a brigada de Limpeza realiza limpezas e desinfeccións constantes.




