As persoas que teñan algún tipo de discapacidade de mobilidade poderán reservar a súa entrada mañá e pasado no Museo Torres de Marín, tanto por teléfono como de xeito presencial. Só poderán coller unha entrada para si mesmos e mais para un acompañante.
A concelleira de Benestar Social, Marián Sanmartín, informou esta mañá de que o Concello reservou dúas parcelas da liña dianteira na Praza de España para persoas con mobilidade reducida de cara á celebración da proba piloto que terá lugar o sábado 19 ás 21.00 horas coa actuación da Orquesta Marbella.
Aquelas persoas con mobilidade reducida que teñan interese en acudir á verbena, poderán reservar as súas entradas mañá e pasado no Museo Manuel Torres de Marín, a través do teléfono 986 89 11 86 ou nas propias instalacións museísticas, en horario de 11.00 a 14.00 e de 18.00 a 21.00 horas.
O resto de entradas foron reservadas xa durante o primeiro día que se puxeron a disposición da cidadanía. Con esta proba piloto, que permitirá gozar da actuación de Marbella das 21.00 ás 23.00 horas, quere probarse a posibilidade de retomar as verbenas durante o verán de xeito seguro.
Para evitar aglomeracións, abriranse as portas do recinto unha hora e media antes da actuación. É obrigatorio acceder con entrada para calquera persoa, incluso bebés, e estará prohibido comer, beber e fumar.
Os traballos de montaxe do escenario e o público comezarán o venres pola tarde, polo que será preciso desaloxar todos os coches do aparcadoiro ese día antes das 15.00 horas.




