HomeTabeirósCerdedo - CotobadeO informe técnico do Concello ve pouco rigoroso e incompleto o estudio...

O informe técnico do Concello ve pouco rigoroso e incompleto o estudio de impacto ambiental do parque eólico “Campo das Rosas”

- Anuncio -spot_img

Detecta incoherencias nas distancias a núcleos habitados, ubicacións territoriais, medicións de vento, falla de estudio electromagnético, ausencia de petróglifos afectados, carencia de informe sobre viais e recursos hídricos afectados, sesgo no estudio de impacto paisaxístico, conca visual e sonora e considera que o proxecto é complementario doutros polo que debería ser avaliado polo Miterd
O informe técnico elaborado polo Concello de Cerdedo-Cotobade sobre o Estudio de Impacto Ambiental (EsIA) en fase de información pública do proxecto do parque eólico “Campo das Rosas”, que afecta aos concellos da Estrada, Cerdedo-Cotobade e Campo Lameiro, detecta falta de rigorosidade en varios dos seus aspectos que precisarían de ser cumprimentados por Naturgy Renovables, empresa promotora que ten previsto investir uns 23 millóns de euros na súa execución material e ubicar 8 aeroxeradores, 2 estacións anemométricas, un centro de seccionamento, unha liña aero-soterrada de 30 kV de 1,7 kms. e unha subestación elevadoras 220/30 kV en Quireza.
Segundo a técnica municipal que elabora o informe para o Concello de CerdedoCotobade a documentación de Naturgy Renovables presenta varias incorreccións como o feito de ubicar o CR-05 (aeroxerador) no termo municipal de Cerdedo-Cotobade cando debería estar xeoreferenciado en Campo Lameiro e o CR-07 ao revés, é dicir, debería estar posto en Campo Lameiro e está en Cerdedo-Cotobade.
Por outra banda, o informe técnido detecta que cando o EsIA fala de afeccións a espazos naturais protexidos faino referíndose ao máis cercano que o ZEC Río Lérez, pero esquécese de incluír a Rede Natura 2000, XECVN Serra do Cando ES114017, a 7 quilómetros do CR-08.
MEDICIÓNS EÓLICAS DESDE UNHA TORRE DA QUE NON CONSTA A SÚA INSTALACIÓN
Despois, a técnica municipal fai referencia no seu informe a que nas simulacións aportadas na documentación de Naturgy Renovables non recollen ningún estudio do recurso eólico na poligonal do parque eólico para xustificar o emprazamento dos aeroxeradores e, segundo recolle a operaria municipal “no proxecto exponse que empregaron datos de vento dunha torre localizada en Cerdedo (datos tomados na localidade de Cerdedo a 3 Kms. ao nordés do parque, Instituto para a Diversificación e Aforro de Enerxía IDEA, Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital), sen aportar datos concretos da súa localicación e denominación. Esta técnica non ten coñecemento da instalación da torre que mencionan”.
Aínda así, a técnica realizou varias consultas na web do IDEA (fonte mencionada na
documentación presentada) e tamén no Mapa Eólico Ibérico do CENER e conclúe que na áera de coordenadas do aeroxerador CR-07 a rosa dos ventos non coincide co estimado no EsIA presentado e incluso considera que están referenciadas a un punto do lugar de Pedre, non incluído no interior da poligonal do parque eólico “Campo das Rosas”.
Tamén se fixa en que “observando o mapa eólico da zona, modelizan que os ventos dominantes son en dirección SW (non SSW como indican no EsIA) e tendo en conta a
proposta de localización dos aeroxeradores da zona sur do PE e a zonificación da velocidade media do vento a 100 m de altitude, poderíase estudar trasladar os aeroxeradores da zona sur a unha localización máis ao oeste da poligonal do PE xustificado polo recurso eólico estimado, sempre e cando fose viable polos condicionantes da orografía e os impactos ambientais”.
E neste apartado, a técnica conclúe: “Polo tanto, entendo que a xustificación do potencial eólico da zona baséase nunha modelización teórica dun estudo das características do vento dunha zona non incluída no interior da poligonal do PE e non
dun estudo obxectivo dos campos de vento do emprazamento do futuro PE. Polo
tanto, a elección da distribución dos aeroxeradores non se axusta a un estudo previo e
fiábel tal como indica o EsIA. Por ilo, entendo que ata que se leve a cabo dito estudo
do recurso eólico existente na poligonal do PE Campo das Rosas, non se debería
autorizar a súa construción ata poder xustificar que os emprazamentos escollidos son
os condicionados polas características do vento nesa área poligonal e que está garantido a rendibilidade enerxética e a súa favorable perspectiva socioambiental”.
Ademais asegura que para os “muíños” CR-03, CR-05, CR-06, CR-07 e CR-08 non hai alternativas de ubicación para os aeroxeradores xa que as que se presentan son
“modificacións mínimas que poderían considerarse que non son alternativas reais de
distinto emprazamento e engadindo ademais que non teñen xustificación de emprezamento polo recurso eólico existente, mencionado no punto anterior deste informe. Informar que son aeroxeradores CR-06, CR-07 e CR-08 os que máis incidencia negativa poderían ter cara un núcleo de poboación do concello”.
INCOHERENCIAS EN DISTANCIAS A NÚCLEOS HABITADOS
Para a técina do Concello de Cerdedo-Cotobade, o EsIA de Naturgy Renovables presenta tamén unha serie de “incoherencias” que teñen que ver coas distancias entre os distintos aeroxeradores e núcleos habitados do municipio. Así recolle que “Cuiña é o núcleo de poboación de Cerdedo-Cotobade que ten a 3 aeroxeradores a menos de 1.000 metros de distancia da súa delimitación urbanística fronte aos demais núcleos afectados que estarían a máis de 1.000 metros de distancia (Tres Aldeas a unha distancia de 1.100 e 1.600 m). Existen incoherencias en varias páxinas do EsIa en canto a distancia do aeroxerador CR-07 ao núcleo de Cuiña. En distintas páxinas afirman que a distancia do aeroxerador ao núcleo de Cuiña é de 562 m (por ex.páxina 256 – 258).
Polo contrario, na páxina 259 e no anexo 6 confirman unha distancia de 524 metros.
Realizo unha medición en ortofoto da distancia do CR-07 á delimitación urbanística do núcleo de Cuiñae informo da seguinte distancia: 522 m. ao punto máis cercano da delimitación de núcleo rural”.
Por outra banda, a técnica bota en falla un estudio electromagnético que recolla o
posible impacto que podería ter a presenza dese parque eólico sobre as emisións de
radio, televisión e nas telecomunicacións, como a telefonía móbil. Tampouco os
compromisos que adoptaría a promotora para correxir, en caso de que fora necesario,
esas posibles deficiencias na recepció dos sistemas de telecomunicacións derivadas da
construción do parque eólico.
AUSENCIA DE GRAVADOS RUPESTRES INCLUÍDOS NO PARQUE EÓLICO
En canto ao impacto sobre bens de patrimonio cultural asegura a técnica que a
promotora do parque eólico fixo referencia aos elementos patrimoniais, arqueolóxicos
e etnográficos que se inclúe na bibliografía e tamén polas prospeccións realizadas pola
empresa Arkaios, S.L. pero “non está incluído nesta memoria e polo tanto non foi
avaliado no EsIA, un conxunto de gravados rupestres incluídos no interior do PE, moi
preto da localización do aeroxerador CR-07 dos que teño constancia pola Asociación
Capitán Gosende”.
Tamén considera a técnica que o EsIA adolece de referencias a cuestións que van ter
que ser acometidas como a reparación dun vial para dar acceso ao aeroxerador CR-04,
“no que vai ser necesario a construción de taludes e a ampliación da estrada provincial
EP-7102, que ten afección por estar incluído na contorna de protección dun ben
patrimonial catalogado (Coto do Cervo 1)”. Ademais aclara que “os viais do PE e os
taludes que se van a construir atravesan varios nacementos de regatos ou os propios
cauces dos mesmos. Haberá que ter en conta que estes regatos e mananciais constitúen a fonte de abastecemento de moitas vivendas dos núcleos da parroquia de Quireza e a súa rede de drenaxe pódese ver modificada. A realidade galega é que moitos abastecementos rurais non teñen aínda as concesións administrativas correspondentes, e a pesar de que non se teña por tanto coñecemento da súa localización exacta e os seus usuarios, sí existen e dan servizo a poboación. Este contexto non é avaliado polo estudo de impacto ambiental”.
VE CERTO SESGO AO REFERENCIAR O ESTUDIO DE IMPACTO PAISAXÍSTICO-CONCA
VISUAL EN POBOACIÓNS CON MÁIS DE 300 HABITANTES E OBVIANDO ÁS MENORES
Outro detalle curioso que presenta o informe da técnica é o que fai referencia ao estudio sobre o impacto paisaxístico-conca visual que toma como referencia a poboacións de máis de 300 habitantes o que leva a Naturgy Renovables a situar como núcleos principais de poboación desde onde as instalacións son visibles a A Valiña e A Barca, no municipio de Poio.
Así a técnica considera “erróneo afirmar que os únicos núcleos de poboación onde o
PE é visible son dous núcleos do concello de Poio polo feito de só darlle importancia a
posibles afeccións exclusivamente a núcleos de máis de 300 habitantes, tendo en
conta a estrutura demográfica dispersa do rural galego, como é o caso do Concello de
Cerdedo Cotobade, cunha elevada dispersión demográfica conformado no 90% do seu
territorio por núcleos de poboación pequenos de menos de 100 habitantes, contando
só cun núcleo de más de 300 habitantes na súa extensión de máis de 212 km2”.
Tamén indica que o EsIA adolece de falla dun estudio das molestias polo impacto
lumínico das balizas de sinalización aérea en ceo nocturno en núcleos de poboación
incluídos na conca visual do PE independentemente dos seus habitantes. Ademais ve
como os datos aportados sobre o posible impacto acústico están dentro dos máximos
legalmente permitidos, pero insiste en que “Cuiña é o núcleo do concello que vai a
experimentar un maior incremento do nivel sonoro preo-operacional. Concretamente,
pasa de ter 30,3 a 43 dB á noite, nivel sonoro que supera tamén á presión sonora que
acostuma ter Cuiña durante o día (40,2dB) e durante o día – tarde tamén verán
incrementado o nivel sonoro en 4,5 dB”.
Ademais di que “estudo de impacto acústico, para a modelización dos incrementos
do nivel sonoro, teñen en conta as características das masas de vento para analizar a
dispersión. Ditas características son extraídas das coordenadas que aportan coa rosa
dos ventos e que pertencen ao lugar de Pedre, non incluído na área do parque eólico”,
tal e como adiantara nun análise anterior.
Finalmente, dado que o parque eólico “Campo das Rosas” está ubicado a 1.880 metros
(menos de 2 Kms.) do PE Pico Touriñán e en vistas de que compartiría infraestruturas
esenciais para o seu funcionamento, así como cos de Pico Touriñán III-2, Rosa dos
Ventos e Porto Vidros e están ubicados a menos de 2 Kms. e claramente superarían os
30 MW de produción eólica a técnica municipal deixa para a consideración o feito de
que este parque eólico pudera formar parte dunha presunta fragmentación e para a súa tramitación en canto á avaliación ambiental precisaría ser presentado ante o Ministerio de Transción Ecolóxica (Miterd).
“Polo tanto, compartindo infraestruturas clave para o seu funcionamento, que as áreas
poligonais dos distintos PE se solapan ou están a menos de 2 Km e que superan a
produción eólica de 30 MW, entendo que deberíanse tramitar como un único proxecto
de parque eólico (non fragmentados no tempo en varios proxectos sectoriais) sendo o
MITERD, como órgano ambiental competente, quen de tramitar as autorizacións e estudo de impacto ambiental cumprindo así co disposto na Lei 21/2013, de 9 de decembro, de avaliación ambiental. A fragmentación no tempo en distintos proxectos sectoriais leva a que non se poda avaliar correctamente no seu conxunto todos os impactos acumulativos e sinérxicos como consecuencia da construción de todas esas infraestruturas eólicas e pode supoñer un sesgo de información pública á cidadanía e outras administracións”, conclúe a técnica municipal no seu informe.

Publicacións Relacionadas