- Situarase nunha parcela de 8.000 metros para dar cabida ás prazas de aparcamento necesarias
- Sumará os recursos dos dous ambulatorios actuais e poderá dar cabida a novos profesionais
O Concello de Soutomaior xa ten a aprobación da Consellería de Sanidade para a localización do novo de saúde, a marxe esquerda da EP-2908, xusto diante do IES Soutomaior. O anuncio veu acompañado da firma do convenio de colaboración para a súa construción por parte do alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, e o Conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña. Ao acto e á visita aos terreos tamén asistiron a delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, a directora xeral de Recursos Económicos do SERGAS, María Jesús Piñeiro, e o xerente da área Sanitaria de Pontevedra e o Salnés, José Ramón Gómez.
Segundo indica o convenio de colaboración asinado esta mañá, o novo centro de saúde de Soutomaior situarase nunha parcela de 8000 metros cadrados que o Concello deberá dotar con todos os servizos necesarios de saneamento, auga, subministración eléctrica e conexión a internet de banda ancha, para poñela ao dispor do SERGAS, que se encargará de financiar e levar a cabo a construción.
Ademais, segundo indica o servizo de obras da Consellería de Sanidade, a parcela permite un aproveitamento de superficie útil construída de ata 1.500 metros cadrados, pero a obra axustarase ao último plan funcional que prevé un límite de superficie de 1350 metros para o novo ambulatorio. O resto da superficie da parcela destinarase a prazas de aparcamento e servizos.
Así, o Concello de Soutomaior “iniciará de inmediato os trámites para adquirir os terreos necesarios mediante a redacción dun plan especial de infraestruturas e dotacións e así poñelos ao dispor do SERGAS canto antes”, explicou Reguera, que indicou que será necesario adquirir 15 parcelas actuais para agrupar toda a superficie necesaria nesa localización.
Do mesmo xeito, o edil indicou que os fondos necesarios para a adquisición dos terreos xa estaban previstos á hora de realizar os orzamentos municipais deste ano dentro das actuacións que se financiarán co remanente de tesourería, o que contribuirá a acelerar o proceso. “O novo centro de saúde é unha urxencia e poder contar co financiamento necesario desde o primeiro momento contribuirá a gañar moitos meses e facer realidade canto antes o novo ambulatorio”, finalizou Reguera.
O novo centro de saúde substituirá ao actual ambulatorio de Arcade e ao consultorio de Soutomaior e terá capacidade suficiente para acoller a novos médicos que alivien a situación da atención sanitaria no municipio.
Integración urbanística das dúas parroquias
Do mesmo xeito, Reguera destacou que a selección desta parcela como localización para o novo ambulatorio tamén ten unha motivación urbanística, xa que pretende facilitar a integración dos dous núcleos de poboación do municipio, Arcade e Soutomaior. “Onde antes non había nada, agora hai un novo instituto, novas beirarrúas e senllas peonís, un parque infantil e dúas áreas deportivas ademais do cemiterio e o tanatorio. Aos poucos, a base de crear e mellorar os servizos públicos, estamos a unir máis a Arcade e Soutomaior”, explicou o alcalde.




