• Recordan que investiron un millón de euros e que está nun estado deplorable.
• O remate da obra está certificado, existe unha acta de recepción asinada polo Concello de Caldas, pero é evidente que o edificio non está rematado.
• Deputados provinciais visitaron o entorno acompañados por Fernando Pérez e o grupo municipal.
O Partido Popular denuncia o “estado lamentable e deplorable” do novo edificio da Escola de Música, Escola Taller e outros usos municipais de Caldas de Reis, un edificio inaugurado pola presidenta da Deputación de Pontevedra hai preto de un ano e que a día de hoxe segue sen estar rematado. Así o comprobaron os deputados provinciais Jorge Cubela e Elena Estévez, nunha visita que fixeron ao lugar xunto ao voceiro local do PP, Fernando Pérez e o resto de concelleiros do grupo municipal.
“O remate da obra está certificado, existe unha acta de recepción asinada polo Concello de Caldas, pero é evidente que o edificio non está rematado”, explica Pérez, que sinala tamén que o edificio leva un ano funcionado con luz de obra e que o ascensor non está operativo, impedindo a accesibilidade ao edificio de persoas con mobilidade reducida. “Unha situación lamentable que demostra como se fan as cousas neste concello”, engade.
Os populares comprobaron como o edificio está sen rematar nunha das fachadas laterais, “un exemplo de feísmo para un edificio novo no que se investiu un millón de euros”, pero tamén inseguro, co perigo que supoñen as estruturas metálicas saíntes. Ademais, sinalan que o entorno do edificio está moi lonxe da “nova praza pública, aberta ao público e accesible” que vendeu Carmela Silva durante o acto organizado en Caldas para presentar o proxecto aos veciños, xa que o que atopan é un espazo invadido pola maleza.
Cubela recordou que este proxecto era un dos que a Deputación financiou a cargo do Plan Reequilibrio, no que se premiaba aos proxectos maduros, e que xunto ao Deporemse repartiron 7 de cada 10 euros do investimento entre gobernos “amigos” da Deputación. “Este edificio é un claro exemplo da falta de rigor e seriedade que desde o Goberno de Carmela Silva se ten cos concellos desta provincia”, apunta. Ademais, critica que “Carmela Silva presume sempre de que a Deputación fai todo ben e que ten todo niquelado, e despois atopamos erros flagrantes como este de Caldas que prexudican aos veciños e a imaxe do concello”, ao que acusou de “non facer nada por dar unha solución para rematar o edificio nin para urbanizar o entorno”.
Por todo isto, os populares reclaman a Concello e Deputación que rematen a obra como se incluía no proxecto e que o edificio estea totalmente operativo e co ascensor funcionando. Ademais, piden responsabilidades “porque alguén tivo que certificar que esta obra estaba rematada cando é evidente que non o está”.




