A concelleira do Partido Popular de Pontevedra Silvia Xunco reiterou esta petición, que se solicitou hai un ano no Pleno municipal e que é unha demanda compartida coa dirección do centro e os pais e nais do alumnado
“Non demos nin un paso desde xaneiro do 2019, cando se chegou a un acordo entre o Concello e Unión Fenosa. Cremos que pasou o tempo suficiente para que o Concello fixese algo pola seguridade do alumnado”
A concelleira do Partido Popular e responsable da área de Benestar Social, Silvia Xunco, urxiu de novo ao Concello de Pontevedra que leve a cabo a retirada do transformador do colexio de Barcelos. Hai un ano a edil solicitou no Pleno municipal que se axilizase o traslado deste equipamento, polo cal preguntou en varias ocasións no mesmo foro, optando o Goberno local “por dar longas a unha petición compartida coa comunidade educativa”.
Xunco forma parte do Consello Escolar do CEIP Barcelos e transmitiulle ao resto de membros que urxiu de novo a retirada do transformador. Ademais, Xunco subliñou que o verán é a época perfecta para a realización desta obra, xa que o centro “atópase pechado e iso facilitaría tanto o traslado como se evitaría a presenza de alumnos que se puidesen ver afectados”.
“Seguimos preocupados por que o Concello non estea a conceder a suficiente importancia a unha obra que se relaciona directamente coa seguridade e benestar do propio alumnado. É inxustificable o atraso que acumula este traslado”, defendeu Xunco. “É unha petición conxunta que debería ser un asunto prioritario para o Concello e a única resposta que nos deu o responsable de Educación foi o total descoñecemento de en que punto atópase o proceso. Non podemos permitir que a indiferenza do Concello siga prexudicando ao alumnado de Barcelos”.




