O Pazo de Mos converteuse hoxe no epicentro da solidariedade coa celebración dunha tómbola benéfica organizada pola Asociación Española Contra o Cancro en Mos (AECC), coa colaboración do Concello de Mos, a Deputación de Pontevedra, a Fundación Pazo de Mos e os Obradoiros de Emprego de Galicia.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, acompañou á organización e á veciñanza durante a xornada, agradecendo “a implicación de todas as persoas e entidades que fan posible que Mos se volque unha vez máis na loita contra o cancro, demostrando a súa gran forza solidaria”.
A iniciativa contou cunha ampla programación cultural e lúdica que encheu de vida o Pazo de Mos ao longo de todo o día. Pola mañá foron protagonistas as corais, coa actuación da Coral O Son dos Cantares de Tameiga e do Coro Galego Abrente.
Xa pola tarde, a cativada está a gozar dos obradoiros infantís, mentres que a música está a cargo de Iker Faure e do alumnado da Escola Patricia Martínez, poñendo ritmo e emoción a unha xornada que une cultura, convivencia e compromiso social.
Os fondos recadados na tómbola destinaranse á AECC, reforzando o apoio á investigación, á prevención e ao acompañamento das persoas e familias afectadas polo cancro.




