-Os populares xa teñen a confirmación de que a tesourería municipal abonou a sanción da Axencia Tributaria “malia que o goberno tentou desviar a atención no seu momento falando de que era un vehículo alleo e de que abrían unha investigación da que nada se soubo”
-A voceira municipal, Lara Meneses, vai cuestionar sobre este asunto da “máxima gravidade” no pleno, xa que demostra un “descontrol total” no parque móbil, que si había responsabilidade municipal e que “mentiron á cidadanía e ao pleno ao acusarnos de difamación”
-O PP tomiñés tamén se interesará polo estado das cámaras de tráfico instaladas no centro da vila e en Goián para coñecer se están en funcionamento e no punto no que se atopa o xuízo coa empresa
O grupo municipal do PP de Tomiño revelou na xornada de hoxe que o Concello pagou finalmente a sanción imposta pola Axencia Tributaria, a comezos do pasado ano 2023, polo uso fraudulento de gasóleo bonificado nun vehículo empregado en tarefas municipais e vai esixir explicacións públicas e a depuración de responsabilidades políticas no seo do goberno nacionalista.
Os populares xa teñen a confirmación oficial de que a tesourería municipal abonou finalmente con fondos propios a multa imposta polo Ministerio de Hacienda e apostillaron que este feito “desmonta toda a cortina de fume despregada no seu momento polo BNG, que tentou desviar a atención falando de que era un vehículo alleo ao parque móbil do Concello e de que abrían unha investigación da que nada se soubo”.
A voceira municipal, Lara Meneses, confirmou que vai cuestionar sobre este asunto da “máxima gravidade” no pleno previsto para o serán deste xoves, 14 de marzo, xa que demostra un “descontrol total e absoluto” sobre os vehículos municipais ou que desenvolven tarefas para o Concello “tal e como dixemos desde o PP desde o primeiro momento porque a sanción tributaria era clarísima”.
Ademais, engadíu que o pago desta multa por parte do Concello demostra que si había responsabilidade do executivo nacionalista neste asunto e que “mentiron descaradamente e sen ningún rubor, posiblemente porque quedaban poucas semanas para as eleccións municipais, tanto aos veciños como ao pleno, porque non nos esquecemos de que nos acusaron falazmente de difamación e agora o tempo danos a razón, polo que tamén queremos unhas desculpas públicas”.
“Dixeron que os 35 vehículos do Concello nunca usaron gasóleo bonificado de xeito fraudulento e que, no citado caso, era un vehículo alugado para traballos puntuais, pero se estaba en período de arrendamento está claro que hai unha responsabilidade, un fraude e un descontrol do goberno do BNG, e así o deixa claro a sanción, que vén a nome do Concello e que vén de ser pagada polo Concello, polo que son cartos públicos que acaban de perder todos os tomiñeses pola súa neglixencia e precisamos saber quen son os concelleiros responsables”, manifestou Meneses.
Por outra banda, e tamén no eido xudicial, a concelleira popular tamén se vai interesar na sesión da corporación municipal polo estado das cámaras de vixilancia de tráfico instaladas no centro da vila e na localidade de Goián, xa que quere saber se están actualmente en funcionamento e no punto no que se atopa o anunciado xuízo coa empresa.




