• Recordan que a Deputación fixo “un remendo” hai pouco nesta estrada, “asfaltaron e deixaron socavóns, pero tamén vertidos de fecais nas cunetas. É fundamental investir con cabeza, non facer chapuzas”.
• Esther Fontán, coordinadora da Plataforma de veciños da Portela di que se sinten “discriminados”.
O Partido Popular de Barro denuncia unha vertedura de fecais na EP-0508, en San Amaro, que se suma á inseguridade viaria que sofren os veciños e usuarios desta estrada provincial, que non chega aos catro metros de ancho, sen beiravías para que circulen os peóns, con saída de fecais na cuneta, e con desniveis importantes ao carón da estrada, que provoca que con pouca visibilidade a saída da estrada poida provocar importantes danos.
Os concelleiros do grupo municipal, xunto a deputados provinciais do PP, membros da plataforma de veciños da Portela, comprobaron “a situación tan desagradable dunha estrada pola que transitan a diario veciños de dous núcleos de poboación, e que tamén forma parte do Camiño xacobeo”.
Para o voceiro do grupo provincial, Jorge Cubela, “esta estrada é outro exemplo do abandono que están sufrindo os veciños de Barro e do rural da provincia con esta Deputación de Pontevedra”. Así, cuestiona que “cos millóns de euros que teñen de orzamento e cos aforros que hai na caixa, é incomprensible que teñan estradas neste estado de inseguridade e insalubridade”.
Por iso, reclaman unha solución urxente. “Hai espazo suficiente para facer canalizacións, meter recheos, ampliar a estrada e crear zonas seguras para os peóns”, defende José Suárez, o voceiro local do partido, que acusa ao alcalde de “consentir” esta situación. Recorda que a Deputación fixo “un remendo” hai pouco nesta estrada, “asfaltaron e deixaron socavóns, pero tamén vertidos de fecais nas cunetas. É fundamental investir con cabeza, non facer chapuzas”.
Pola súa parte, Esther Fontán, coordinadora da plataforma de veciños dixo que se sinten “discriminados”, vendo como se gastan cartos noutras estradas mentres que a EP-0508 continúa neste estado “tan deplorable, unha verdadeira vergonza para a imaxe de Barro”.




