• Domínguez fai un chamamento ao BNG e ao PSOE para superar as súas diferenzas e unir forzas en defensa dunha actuación estratéxica para o futuro da ría
• O líder do PP insta o Goberno central a informar do punto definitivo de depósito dos áridos, despois de catro anos de “parálises”, e pide ao Pleno municipal o respaldo institucional á execución da dragaxe en base ao informe técnico emitido polo CEDEX
O presidente local e portavoz municipal do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, e a concelleira e secretaria xeral da formación local, Pepa Pardo, mantiveron unha reunión coa nova directiva do Club Naval, encabezada polo seu presidente Enrique Dobarro, para trasladarlles a moción que o partido máis votado da cidade levará ao pleno do próximo mes de maio. O obxectivo é lograr o respaldo unánime da corporación municipal á dragaxe do río Lérez, unha demanda histórica da cidadanía e os sectores afectados.
A iniciativa do PP de Pontevedra insta o Goberno de España a informar con celeridade á Xunta de Galicia o punto definitivo de depósito dos áridos, paso imprescindible para avanzar na tramitación ambiental e posterior licitación das obras. O proxecto acumula xa catro anos de “parálise” debido á falta de decisión do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.
Así mesmo, o PP solicita ao Pleno do Concello de Pontevedra o respaldo institucional á execución da dragaxe e aos informes técnicos e científicos oficiais, especialmente o emitido polo CEDEX, que establece como “alternativa prioritaria” o depósito dos áridos no punto E8, situado no exterior da illa de Sálvora.
“O proxecto conta coa dispoñibilidade orzamentaria da Xunta e só está á espera da autorización do Goberno central para iniciar o procedemento administrativo da dragaxe. Por iso, consideramos fundamental que a cidade de Pontevedra, a través dos seus representantes políticos, mostre unha postura firme e unánime en favor dunha actuación estratéxica para mellorar a navegabilidade, o estado ecolóxico do estuario, ademais de contribuír ao desenvolvemento económico e a potenciación das actividades marítimas e portuarias da ría”, asegurou o portavoz dos populares na cidade.
Domínguez cualificou de “vergoñoso” o estado actual do río Lérez e os prexuízos que carrexa para sectores crave, incluído o funcionamento ordinario do Club Naval, que só dispón de 68 prazas operativas fronte ás 170 que poderían estar dispoñibles tras a execución da dragaxe.
O líder do PP fai un chamamento aos outros dous grupos da corporación municipal para superar as súas diferenzas políticas e unir forzas en defensa dunha actuación estratéxica para o futuro da ría de Pontevedra.




