Este outubro e novembro, o Concello ofrece unha programación diversa con música, espectáculos infantís, charlas e unha morea de actividades
O Rosal prepárase para vivir dous meses intensos nos que a cultura, o patrimonio e o lecer serán os grandes protagonistas. O Concello prepara unha programación para este outubro e novembro cargada de citas xa imprescindibles do outono rosaleiro, como a Festa do Outono do Pilar, as Xornadas do Patrimonio ou as representacións teatrais, ademais de propostas para a cativada e actividades musicais da man da Agrupación Musical.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, destacou que esta programación é unha mostra máis do compromiso do Concello coa dinamización cultural.
“Queremos que O Rosal siga sendo un referente cultural, un municipio vivo no que veciñas e veciños poidan gozar de espectáculos de calidade sen saír da casa. Esta axenda mestura tradición e modernidade, oferta para público adulto e para a infancia, memoria e reivindicación social”, resaltou.
O mes de outubro arranca este venres 3 cunha nova sesión dos Venres Rebuldeiros, coa compañía Trémola Teatro e a obra ‘Pipo, o paxaro que non sabía voar’, dirixida a nenos e nenas de 0 a 3 anos e para a que é necesaria inscrición previa chamando ao 986 625 000. Este programa dirixido á cativada continuará o día 24 de outubro co contacontos ‘O chintófano de Dorothé’.
No marco da Festa do Outono do Pilar, o 11 de outubro visitará O Rosal a percusionista e folclorista Vanesa Muela, acompañada do grupo ODAIKO, e o día 12 celebrarase a IV Feira de Produtos do Rosal, na que se poderá degustar e mercar produtos do Rosal. Despois da sesión vermú e a comida terá lugar a tradicional demostración do traballo dos cabaqueiros, mentres que o V Memorial Irmáns Flores porá o broche de ouro a estas dúas xornadas de festa.
O teatro tamén terá un lugar destacado este outono con dúas propostas de referencia: a representación de ‘Retrincos’ de Castelao con Fran Rei e Isabel Risco, e da obra ‘De algo hai que morrer’ da man de Malasombra Teatro.
As Xornadas do Patrimonio regresan tamén con tres charlas os días 11 de outubro e 7 e 28 de novembro co pregón especial do escritor e profesor da Universidade da Corula Manuel Lara Coira. A programación completarase con múltiples concertos da Agrupación Musical do Rosal, entre os que destacan o tradicional concerto de Santa Icía, o concerto aniversario da Coral da Agrupación, un concerto solidario a favor da Asociación Galega de Fibrose Quística e as audicións do alumnado do conservatorio e da escola de música. Ademais, o 15 de novembro visitará o Rosal o coro Gli Appassionati.
O mes de novembro pechará cunha programación especial polo Día Internacional contra a Violencia de Xénero que culminará coa proxección do filme ‘Soy Nevenka’.
O concelleiro de Cultura, Carlos Villanueva, puxo en valor o carácter diverso da axenda, xa que “se trata dun programa pensado para toda a veciñanza, con actividades gratuítas para a infancia, propostas de teatro contemporáneo, espazos para a reflexión e actos musicais de primeiro nivel. Queremos que a cultura chegue a todos os recunchos do Rosal e que cada persoa atope unha actividade coa que identificarse”.




