• O xurado destacou a alta calidade das propostas, a súa heteroxeneidade e permeabilidade entre disciplinas
• A calidade das propostas levou ao xurado a seleccionar un proxecto máis do establecido
O xurado fixo pública a lista dos seis proxectos seleccionados que inaugurarán a I Residencia ArtisTea de Artes e Pensamento, impulsada polo Concello de Ponteareas.
O xurado estivo presidido pola alcaldesa, Nava Castro, a concelleira de Medio Ambiente, Urbanismo, Axenda 2030, Emprendemento, Innovación e desenvolvemento empresarial, Silvia Fernández Táboas, e coa técnica de procesos de investigación no Museo de Pontevedra, Agar Ledo, e a traballadora cultural, Laura Porto, como vogais.
Os proxectos desta I Residencia estarán centrados nas disciplinas de poesía, música, performance e as formas de hibridación entre elas. Así, os artistas seleccionadas son: Aurora Abelairas, o colectivo Nubeilab, Carmen Omil, Diego Chamizo, Alexandro Bouzó e Antonio Tizón.
As integrantes do xurado destacaron a alta calidade das propostas presentadas, que as levou a seleccionar un proxecto máis do establecido, e a súa heteroxeneidade e permeabilidade entre disciplinas, así como a íntima relación que presentan coa vida comunitaria da vila e coa súa idiosincrasia.
Laura Porto, que será a encargada de dirixir a primeira edición de Artistea, destaca que “Artistea é un programa de residencias pensado desde a estrutura do micelio, coa vontade de integrar a arte na sociedade, fortalecer a vida comunitaria de Ponteareas e dinamizar a súa actividade cultural. Para min e para o meu equipo é un éxito absoluto contar cunha participación tan nutrida na primeira edición; e cunha selección de propostas de alta calidade centradas no estudo e a posta en valor da vila”.
Aurora Abelairas
Aurora Abelairas é unha poeta escénica e investigadora social con máis dunha década de experiencia nos escenarios. O proxecto co que se presentou á Residencia, “Cartografía poética do Condado”, propón para este territorio o estudo do patrimonio simbólico a través da poesía, axustándose aos marcos teóricos da sociedade líquida de Zygmunt Bauman e os “non-lugares” de Marc Augé.
Aurora percorrerá o Condado durante a residencia, procurando os “terceiros lugares” que constitúen o patrimonio simbólico do territorio a través das conversas coa veciñanza, para posteriormente escribir sobre eles e realizar unha performance poética no máis sinalado.
Colectivo Nubeilab
O Colectivo Nubeilab é un grupo de performance formado pola vestuarista María Gutiérrez Cedrón, o músico José Pons Boils e a artista plástica Andrea Trenado Rifón. Trátase dun grupo de recente creación, cuxos integrantes amosan dilatadas experiencias. Candidataron á Residencia co proxecto “Ecos”, que mestura a poesía, a música, a performance e a tecnoloxía vestible. Utilizando como base os textos poéticos de autores e autoras ponteareáns de todos os tempos, ofreceranlles un formato contemporáneo e hiper-tecnolóxico co obxectivo de achegalos ás audiencias mozas a través dunha experiencia inmersiva.
Carmen Omil
Carmen Omil é unha performer e arquitecta que nos últimos anos ten exposto as súas instalacións e performances en festivais internacionais de Estocolmo ou Madrid. O seu proxecto “Sistema del deseo”, afonda na teoría da automatización do espazo público alén do deseño urbanístico, traballando o contraste entre a Ponteareas urbana e a rural a través da performance e do texto poético, explorando a distancia que se crea entre sistemas de apariencia diverxente e o modo no que o corpo tende a percorrelas e ser atravesado por elas.
Diego Chamizo
Diego Chamizo é un creador escénico emerxente que ten traballado con institucións como o Centro Dramático Galego, o Teatro Nacional Dona María II de Lisboa ou o Théâtre Les Célestins de Lyon. “Reflexo natural”, o proxecto co que candidatou á Residencia, é unha performance-instalación que busca desafiar a relación do individuo coa natureza, o traballo e o seu propio sentido da existencia nun mundo cada vez máis desconectado, servíndose de imaxes e sons rexistrados en Ponteareas.
Alexandro Bouzó
Alexandro Bouzó é un psicólogo e escritor de orixe ponteareán. O proxecto co que candidatou á Residencia, na categoría de poesía, é “O musgo que medra”; que explora o abandono como acto de renuncia, pondo o foco no éxodo rural. O seu proxecto, que pretende crear un espazo literario no que a ruína dialogue co seu pasado cheo de vida, traballa concretamente arredor da parroquia de Oliveira, da que o autor é natural e coa que ten unha profunda relación.
Antonio Tizón
Antonio Tizón é un periodista e escritor cunha dilatada experiencia no ámbito da narrativa, que candidatou á Residencia cun proxecto que axunta poesía, música e performance titulado “Coplas analfabetas”, que nace coma unha homenaxe á súa avoa analfabeta e á lírica de tradición oral, tomando como punto de partida as cantigas que a avoa e mais el inventaban. O libro resultante do seu traballo estará ilustrado pola ponteareana Mari Quinteiro, filla do escultor Alfonso Quinteiro, e as coplas estarán musicadas por profesonais da música de primeiro nivel.




