HomeTabeirósCerdedo - CotobadeOperarios do Concello levan a cabo labores de roza e limpeza de...

Operarios do Concello levan a cabo labores de roza e limpeza de camiños interiores do núcleo de Cerdedo e na carballeira de Fondós

- Anuncio -spot_img

• O alcalde agradeceulles o esforzo dos traballadores municipais de reforzo na loita contra a maleza para mellorar o aspectos dos lugares comúns e favorecer o disfrute dos espazos de convivencia veciñal

Operarios do Concello de Cerdedo-Cotobade levan a cabo estes días un amplio operativo de roza e limpeza nos camiños interiores do núcleo de Cerdedo así como na carballeira de Fondós e a súa pista polideportiva.

Esta actuación que se realiza todos os anos por esta época coincide co reforzo da plantilla con 26 novos traballadores que desempeñarán as súas funcións a través do Plan de Emprego municipal que conta coa colaboración económica do Plan Concellos da Deputación.

Os traballadores municipais están procedendo a realizar rozas en profundidade nos camiños interiores do núcleo de Cerdedo loitando contra a maleza que por efecto das pasadas choivas e das altas temperaturas vividas estes días provocaron o seu crecemento dun xeito abrupto e desordenado.

Unha vez que os operarios realizan o seu traballo os espazos públicos volven recuperar o seu esplendor de cara ao verán, como no caso da carballeira de Fondós onde se pode apreciar a beleza dun espazo á sombra cuberto de xeito natural polos carballos centenarios alí existentes. Os operarios procederon tamén a realizar labores de mantemento e reparación de fontes, billas, asadores e demais elementos do mobiliario afectados polas
inclemencias do tempo e tamén polo mal uso ou actos vandálicos.

Tamén a pista polideportiva recibiu unha atención especial a través de traballos de limpeza e reparación do peche perimetral que estaba, nalgún lugar, afectada pola acción de desaprensivos que non teñen ningunha consideración cos bens públicos e de disfrute colectivo.

O alcalde, Jorge Cubela, agradeceu o labor que desenvolven estes operarios municipais e sinalou que “ademais dun traballo de limpeza e embelecemento tamén se está mellorando a imaxe dos lugares por onde se actúa e se contribúe a que espazos de convivencia veciñal, como a carballeira de Fondós e a pista polideportiva estean en perfecto estado para o disfrute do lecer da veciñanza e dos visitantes que agora co bo tempo se achegan ata o noso municipio”, indicou o rexedor.

Publicacións Relacionadas