Dous deles xurdiron do cribado poboacional no peirao de Arcade e dous nos cribados dos centros educativos CEIP Manuel Padín e IES de Soutomaior
Os cribados masivos con PCR convencional efectuados en pasadas datas no Concello de Soutomaior pola Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés detectaron un total de catro casos positivos de COVID 19 nesta localidade -dous no cribado poboacional no peirao de Arcade e dous no cribado efectuado en dous centros educativos- cifra que representa o 0,14 por cento das mostras analizadas.
Cómpre lembrar que este cribado voluntario tivo lugar, por unha banda, no peirao de Arcade dende o pasado luns 8 ata onte xoves 11 de marzo de 2021 e, por outra, no CEIP Manuel Padín -con 450 participantes, o 8 de marzo- e no IES de Soutomaior -con 560 participantes, o 9 de marzo-. Todos eles cara a detectar o maior número posible de portadores asintomáticos da COVID 19.
1.476 cidadáns no peirao de Arcade
No que atinxe concretamente ao cribado efectuado no peirao de Arcade, achegáronse a efectuar a proba nasofarínxea un total de 1.476 cidadáns, cifra que representa unha porcentaxe do 58,16 por cento da convocatoria voluntaria, dado que á dita iniciativa preventiva a Administración Sanitaria Pública galega instara a participar ao colectivo poboacional de Soutomaior dentre 30 a 64 anos de idade con tarxeta sanitaria activa nos centros de saúde deste Concello, colectivo que nesta localidade acada as 2.500 persoas.
Para levar a cabo este cribado, a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés contou no peirao de Arcade con dous equipos de enfermaría en cada turno, efectuando tarefas de control e cumprimento das medidas de seguridade, extracción das mostras nasofarínxeas e aportando información aos usuarios.




