- O municipio atesoura 19 dos 64 Bens de Interese Cultural incluídos na marca turística común
- O Concello de Pazos de Borbén encabezou esta tarde a presentación do Xeodestino Ria de Vigo e Baixo Miño desta mañá na Feira Internacional de Turismo (FITUR). Unha marca turística que agrupa a 14 municipios do suroeste galego para ofrecer unha imaxe global recoñecible e poder diferenciarse no mercado turístico a través dos grandes reclamos dos municipios adheridos.
O Xeodestino presentouse na feira internacional cunha estratexia común a todos os municipios implicados, apostando por unha xestión homoxénea dos traballos de promoción e comunicación, entre os que destaca a creación dun banco de imaxes e material audiovisual publicitario con imaxes de todos os municipios.
Do mesmo xeito, durante a presentación fíxose un amplo resumo de todos os recursos turísticos que atesoura a nova marca, un total de 96, e que se inclúen elementos tan emblemáticos como o Castelo de Soutomaior, as vilas de Tui e Baiona ou a riqueza do patrimonio etnográfico de Pazos de Borbén.
Pazos de Borbén acudía este ano como cabeceira da marca e coa novidade da posta en valor de dous atractivos históricos do municipio, a Ruta da emigración, un traxecto a través das Casas Indianas das parroquias de Xunqueiras e Moscoso, e os Petos de Ánimas, pequenos santuarios situados nos camiños como parte do culto aos mortos e a devoción polas almas.
O alcalde de Pazos de Borbén, Andrés Iglesias, destacou a importancia de contar con visibilidade nun evento da magnitude de FITUR. “Dos 64 Bens de Interese Cultural que existen en todo o xeodestino, o noso municipio ten 19 e non existe mellor lugar para promocionalos que esta feira”, finalizou o rexedor.
Pola súa banda, a tenente alcalde, Eloisa Nogueira, pediu aos viaxeiros que “dende o balcón de ría de Vigo, dende Pazos de Borbén e todo o Xeodestino Ria de Vigo e Baixo Miño, que o noso territorio sexa unha parada indispensable para todos os que visitan Galicia”.




