- O servizo entrará en funcionamento con sete usuarios e a posibilidade de sumar novos beneficiarios
O alcalde de Pazos de Borbén, Andrés Iglesias, acompañado do xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, e a delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández Tapias, asinou esta mañá a adhesión do municipio ao programa de atención alimentaria da Xunta de Galicia, “Xantar na Casa”. Un servizo que pretende garantir unha alimentación
equilibrada e de calidade a persoas maiores, con déficit de autonomía ou en risco de exclusión social que non poden cubrir as súas necesidades básicas por si mesmas.
A través deste servizo, levarase comida ás vivendas dos veciños inscritos no programa unha vez por semana. A entrega contará con racións para sete xornadas, incluídos festivos e fins de semana, e só será necesario quentala para poder consumila. Os usuarios que non dispoñan de unha neveira e un microondas para a conservación e preparación dos alimentos poderán solicitalos en réxime de préstamo.
O custo total do servizo ascende a 6,60 euros ao día por cada menú entregado. Dese custo o Concello de Pazos de Borbén asume 1,76 euros, case un 27%, e o Consorcio de Igualdade e Benestar 3,08, case un 47%. O resto do importe, 1,76 euros, será abonado polos usuarios. Deste xeito, o custo alimentario de todo o mes para os usuarios ascende a 49,28 euros, se coinciden 4 entregas nese mes, e de 61,60 euros os meses con cinco semanas.
Os menús son completos, equilibrados, variados e adaptables ás necesidades médicas e alimentarias dos usuarios, así como aos seus gustos e hábitos. Do mesmo xeito, están ligados á gastronomía tradicional local e ás épocas do ano para a súa realización. Cada menú inclúe un primeiro e un segundo prato ademais dun alimento de sobremesa.
Andrés Iglesias, indicou que a adhesión a este programa era un dos compromisos electorais incluídos na pasada campaña e que “supón un paso adiante moi importante para garantir as condicións básicas que calquera persoa, por moitos problemas que teña, debe ter cubertas”.
Pola súa banda, a edil de Servizos Sociais, Eloisa Nogueira, destacou que este programa “será de gran axuda aos Servizos Sociais xa que, ademais de mellorar as nosas ferramentas para atención aos veciños que o necesiten e garantirlles unha alimentación saudable e equilibrada, realizar unha visita cada semana para a entrega permítenos manter un contacto máis estreito cos beneficiarios, mellorando así a atención personalizada e evitando situacións de abandono”, rematou a edil.




