• De entre todas as propostas presentadas o xurado escollerá cinco
• O Concello entregará un total de 27.500€ en premios
Éxito do concurso de proxectos con intervención de xurado para a transformación do antigo mercado en biblioteca municipal organizado polo Concello de Ponteareas en colaboración co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) ao recibir máis dun cento de propostas.
A alcaldesa, Nava Castro, quere agradecer a todos os arquitectos e arquitectas que amosaron o seu interese e que adicaron tempo e esforzos en preparar as propostas. “É unha obra ilusionante e necesaria que permitirá a estudantes e opositores acceder vintecatro horas á biblioteca. Un espazo polivalente que formará parte dunha mazá cultural na que está o auditorio, o museo, o conservatorio e a cen metros da residencia artística. Estamos moi agradecidos porque detrás de cada proposta está o talento, a creatividade e os coñecementos de profesionais que redundará nun edificio ben pensado que beneficiará aínda máis á cidadanía”.
Co obxectivo de executar unha obra que dera unha axeitada solución ás necesidades o Concello de Ponteareas buscou a colaboración do COAG para a redacción das bases e para formar parte do xurado. A alcaldesa engade que o importante número de proxectos presentados e chegados dende distintos puntos de España simboliza o atractivo da proposta e a importancia de desenvolver accións da man de expertos como o COAG, o maior referente en arquitectura de Galicia.
O concurso enfila agora a segunda fase, segundo explica a concelleira de Urbanismo, Silvia Fernández, e de entre todas as propostas presentadas sairán cinco que serán convidados a desenvolver un anteproxecto. De entre estes o xurado elixirá un que resultará gañador e adxudicatario do contrato de redacción do proxecto final e dirección de obra. O Concello entregará un total de 27.500€ en premios, sendo o primeiro premio de 10.000€; o segundo de 7.500€; o terceiro premio 5.000€; o primeiro accésit 2.500 € e o segundo accésit 2.500€.




