· Urbaser ten sen cobrar case a metade servizo de recollida do lixo do ano con facturas que alcanzan os 101.000 euros. O Concello deixou sen pagar 9.565 euros ás gasolinerias locias en combustible para vehículos municipais.
O Partido Popular de Ponte Caldelas considera unha xestión económica nefasta o peche de contas do ano 2020 ofrecido no Pleno polo alcalde Andrés Díaz que arroxa un resultado negativo duns menos -369.000 euros e un total de 467 facturas do exercizo pasado sen pagar e levadas a recoñecemento extraxudicial de débeda por un importe global duns 404.000 euros. Ademais, o Concello de Ponte Caldelas mantén unha débeda viva a longo prazo de 979.552 euros.
O Pleno, que foi adiantado ás doce do mediodía e a principios de mes en lugar de celebrarse o derradeiro xoves de marzo, como estaba acordado, fíxose coa urxencia de atender coa liquidez deste exercizo o pagamento das facturas que deixou sen pagar do ano 2020 entre as que destacan as do servizo de recollida de lixo, que realiza Urbaser, a quen se lle adebedan as da metade do ano por un importe duns 101.000 euros. Tamén se deben a gasolineiras locais 9.565 euros en facturas de combustible de automoción por repostaxes feitas por vehículos municipais.
Outro grupo de facturas que chaman a atención son as das eléctricas locais que chegan a presentar para recoñecemento extraxudicial de débeda un total de 104 no caso de CHC (antiga Eléctrica Los Molinos) e 60 de Eléctrica de Moscoso. Tamén se lle adebedan dúas mensualidades á empresa adxudicataria do contrato do Servizo de Atención no Fogar (SAF) así como a un rosario de provedores de diferentes características que demandan o cobro polos seus servizos ao Concello de Ponte Caldelas.
INFORME DEMOLEDOR DO INTERVENTOR QUE REITERA O XA DITO NO 2019: TEN QUE GASTAR MENOS CARTOS
Pero, para mostra un botón e aquí recollemos textualmente o que dictamina o interventor no seu informe sobre a liquidación do orzamento municipal do exercizo 2020:
“Reitérase que esta situación, advertida xa con ocasión da liquidación do orzamento para o exercicio 2019, reafirma a necesidade de promover unha política de contención do gasto a efectos de reverter a situación que se está a xerar, e que en último caso conducirá a un deterioro da situación económico-financeira do Concello, de persistir a obtención de resultados orzamentarios negativos. A obtención de un Resultado Orzamentario sen axustar negativo, indica que o Concello está nunha situación en que esgota a capacidade de gasto do orzamento, de xeito que de non adoptar medidas se pode provocar un rápido declive da situación económico financeira. Na situación que se desprende deste Resultado orzamentario, o axuste debe vir do lado do gasto, adoptando as medidas necesarias para a contención deste, cando menos, na mesma medida que se revela insuficiente o ingreso para o financiamento dos gastos orzamentarios tal e como se deriva da magnitude que estamos a analizar, isto é, no importe do resultado orzamentario producido.
Recoméndase actuar do lado do gasto porque presenta menor rixidez o axuste de gasto, que en grande medida é gasto voluntario, que o axuste de ingresos, que maioritariamente proveñen doutras administracións…”.
Unha vez feita a crítica e por responsabilidade coas persoas e familias que están pendentes de cobrar polos traballos feitos ou servizos prestados ao Concello, o Grupo Municipal do PPdeG, co fin de axiliar ao máximo que a xente reciba en tempo e forma os cartos que lle pertencen polos servizos prestados, decidiu absterse para non dificultar en ningún momento que se afronte o pagamento por parte do Concello.




