Danzarán en Santa Marta, Alcouce e Postemirón pola mañán e en Paredes e As Salinas pola tarde
Madamas e Galáns prepáranse para o inicio do Entroido de Cobres, a festa máis esperada en Vilaboa e arranca mañán cunha presentación polos barrios que levará á comitiva do entroido a percorrer desde as 11 da mañán os barrios de Santa Marta de Bértola e a Praza o Alcouce en Figueirido, seguindo ás 13 horas en Postemirón. Xa pola tarde, danzantes e músicos trasladaranse ás 16 horas á carretera vella de Paredes para rematar unha hora máis tarde nas Salinas de Ulló.
Un código QR, ao que se accede desde a web entroidodecobres.es, facilitará a localización en tempo real das madamas e galáns, favorecendo así integrarse na programación tanto nesta primeira xornada do Entroido como nas actividades a desenvolver do 1 ao 4 de marzo. A mesma páxina web ofrece información da oferta de restauración en Vilaboa. Restaurantes, tascas, furanchos, cafeterías e taperías son unha opción ideal para descubrir a gastronomía local ao son do Entroido.
A asociación cultural Cobres, organizadora do Entroido coa colaboración do Concello, destaca o arraigo popular que esta festa ten en Vilaboa e especialmente en San Adrián e en Santa Cristina, parroquias nas que ser madama ou galán é un honor, en ocasións herdado por tradición familiar e noutras adquirido para cumprir un soño non alcanzado por outras xeracións da familia.
Así o sinten Sara Gómez e Rafa Malvar, parella de baile como madama e galán, que aseguran que os seus traxes teñen un “valor sentimental incalculable”. A ela o primeiro prestáronllo e despois conseguiu un propio, que cada ano vai modificando, mellorando e personalizando. Porque esa é outra singularidade dos traxes do Entroido de Cobres, non hai dous iguais ainda que todos cumpren os mesmos parámetros estéticos. O de galán é un traxe máis sinxelo, con menos lazos e brillos que Rafa Malvar quixo personalizar cun pavo real e unha bolboreta no sombreiro e uns lazos co ano 2015, momento no que comezou a bailar, e outro co seu nome.




