A Asociación Cultural Cobres e o Concello agradecen o apoio e colaboración de C. Tangana, Little Spain e do RC Celta
O Entroido de Cobres despediu en Riomaior a edición 2025 da festa coa presentación do seu Himno de Cobres que foi seguido nas pantallas xigantes instaladas no recinto polas máis de 3.000 persoas que onte participaron no día grande da festa.
Inspirado na peza do centenario do Celta, o videoclip presentado pola Asociación Cultural Cobres parte da base da Oliveira dos cen anos, coa autorización do seu autor C. Tangana e da súa productora, Little Spain a quen Concello e Asociación agradecen a súa colaboración, igual que ao RC Celta de Vigo.
Utilizando escenarios de Vilaboa, como As Sainas, o Forno do Cal, o parque de Riomaior ou as bateas próximas ao litoral de Vilaboa, a Asociación Cultural Cobres adaptou a letra para transmitir a forte vinculación da veciñanza deste entorno co seu entroido, que definen como máis que un “sentimento. É unha forma de vivir”, detallando no contido a ilusión coa que se organiza a festa durante todo o ano e o desexo de que o martes de Entroido non remate nunca.
O vídeo mostra o amor que ten Cobres polo seu Entroido e forma parte do traballo que Asociación e Concello desenvolven para protexer este patrimonio cultural, valor que recoñecen e agradecen tamén a Antón Álvarez.
Dirixido pola Asociación Cultural Cobres, producido por Peixe Globo Ideas e Álvaro Carballo, coa colaboración do músico pontevedrés e mestre da banda de gaitas Marcelo DoBode este traballo audiovisual contou coa colaboración de madamas, galáns, veteranas e veteranos do Entroido de Cobres e das persoas integrantes de Aires de Cobres, cun agradecemento especial para María Esther Castro por ceder a súa batea para as imaxes e a Pablo Castro, Nano Competición, polo coche insignia do Entroido de Cobres.
Balance en cifras
Máis de 3.000 persoas seguiron onte en Riomaior as diferentes actividades programadas polo Entroido de Cobres no día fortes desta festa, nunha edición na que a forte afluencia de público agotou existencias nos postos de comida.
Os catro días do Entroido de Cobres deixan tras de si cifras que reflexan o intenso traballo desenvolvido pola asociación cultural Cobres e o Concello de Vilaboa para promocionar unha festa que aspira a converterse na primeira de entroido na provincia de Pontevedra coa catalogación de Fiesta de Interés Turístico Nacional e que nesta edición fíxose un oco nas principais cadenas de televisión nacionais e tamén nas emisoras de radio-
Unha web propia, un QR que facilitou a localización da comitiva de madamas e galáns no seu percorrido polos barrios e uns perfís en redes sociais con información en tempo real das actividades diarias facilitaron que de novo o Entroido de Cobres fose seguido por milleiros de persoas da contorna.
Máis de 80.000 contas alcanzadas nos perfís de Facebook e Instagram son só unha mostra do seguimento que a cidadanía fixo da programación deste ano, na que tamén se ligou a oferta gastronómica e de aloxamento a estes catro días de festa; unha liña de traballo na que a concelleira de Promoción Económica, Carmen Gallego, quere seguir avanzando.
As cifras responden tamén a un traballo constante realizado pola asociación cultural Cobres e que conta co respaldo e implicación persoal das familias das máis de 70 madamas e galáns que conforman as parellas de baile, que nestes catro días recorreron a pé máis de 60 kilómetros. Máis de 32 horas camiñando para cumprir o obxectivo de que as danzas de Cobres chegaran a cada barrio.
E antes de que comezaran os catro días de festa a organización non escatimou horas na elaboración de traxes, sombreiros, ensaios e moita promoción, xa que o Entroido de Cobres participa durante todo o ano en diferentes encontros programados para poñer en valor o noso patrimonio inmaterial. De feito, estará o vindeiro domingo en Cuntis.
Enlace Himno en youtube




