O presidente do PP pontevedrés, Rafa Domínguez, solicitará un estudo para a recolocación dos contedores de lixo no centro urbano e critica a falta de recollida e limpeza na cidade: “A acumulación de lixo é esaxerada”
O presidente do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, puxo de manifesto este mércores o “terrible déficit de limpeza e o moi mellorable servizo de recollida de lixos” da cidade. Dous feitos que, en determinados puntos tanto do rural como do propio centro urbano, “están a xerar problemas de salubridade”. É por iso que o portavoz dos populares solicitará no próximo Pleno municipal un estudo para a recolocación dos contedores de lixo no centro urbano. A esa demanda, súmase a petición dos populares de importar o modelo de recollida de lixo porta a porta aplicado en Oviedo, segundo a OCU, a cidade máis limpa de España.
“Pontevedra é a cuarta cidade española coa taxa de lixos máis alta e a cidade galega na que máis pagamos, segundo datos da OCU. Nunha situación normal, este servizo que recibimos sería excelente, pero o que temos en cambio é unha prestación pésima. A acumulación de lixo no primeiro tramo da rúa Rosalía de Castro é esaxerada e o Concello pouco ou nada fai para emendar a situación. Menos composteiros comunitarios en pleno centro e máis limpeza”, explicou Domínguez.
Sobre esta última localización, Domínguez achegou unha serie de documentos gráficos sobre a situación deste primeiro tramo de Rosalía de Castro. “É incompresible este nivel de deixamento. O resultado para a imaxe da cidade é catastrófico, e para os nosos veciños un desastre”.
“Apostamos pola mellora da recollida en áreas especialmente sensibles, como son zona monumental e áreas comerciais. Non podemos permitir que tanto no centro como nas parroquias fórmense estas acumulacións de lixo”, defendeu o popular. Neste sentido, Domínguez recoñeceu que non ten xustificación “que haxa unha fila de contedores no lateral do noso Teatro Principal, un dos edificios máis emblemáticos da nosa cidade; nin ten xustificación que o Colexio Médico de Pontevedra, lugar que representa a este colectivo da nosa cidade, precisamente no ano da pandemia, teña unha muralla de contedores que dificulta o seu acceso”.




