– O Concello de Redondela denuncia a celebración na illa de espectáculos e concertos autorizados pola Xunta de Galicia “que nada teñen que ver coa Memoria Democrática”. Do 25 ao 27 de xullo será o Festival Sinsal, o que supón “unha ofensa para os centos de familias vítimas da ditadura militar, da represión e da persecución”,sinala a alcaldesa, Digna Rivas.
– Rivas cualifica de “indecente” que a Xunta “non promova actividades para conservar a memoria democrática na illa” e esixe unha vez máis o ingreso do Concello na Fundación Museo do Mar de Galicia “para participar, coñecer e opinar sobre as actividades que se celebren en San Simón, xa que a pertence ao termo municipal de Redondela”.
O Concello de Redondela denuncia a falta de criterio da Xunta de Galicia no usos da illa de San Simón, cuxa xestión depende da Fundación Museo do Mar de Galicia da Consellería de Cultura. A alcaldesa, Digna Rivas, esixe “respecto aos lugares de memoria democrática”. Entre os días 25 e 27 de xullo a illa acollerá o Festival Sinsal “que nada ten que ver coa Memoria Democrática”. Como aconteceu o pasado mes de xuño con outro espectáculo, a rexedora considera “innecesario” que esta actividade se celebre nun lugar como San Simón, espazo declarado Lugar de Memoria Democrática. A alcaldesa advirte que “ofende a centos de familias vítimas da ditadura militar, da represión e da persecución”, polo que solicita a cancelación deste acto.
Rivas lembra que en reiteradas ocasións se solicitou a Consellaría de Cultura que o Concello de Redondela poida formar parte da Fundación que xestiona a illa, e desde a Xunta de Galicia “négannos esa posibilidade”. A alcaldesa lamenta que a Xunta “non celebre actos sobre memoria democrática na illa, pero si autoriza espectáculos e eventos privados que ofenden á memoria das vítimas”. Para a alcaldesa trátase de decisións “indecentes”.
Ante esta situación Rivas esixe unha vez máis ante a Xunta “o ingreso do Concello de Redondela na Fundación Museo do Mar de Galicia, para participar, coñecer e opinar sobre as actividades que se celebren na illa de San Simón, que é termo municipal de Redondela”, e engade que esta exclusión da Xunta “é unha enorme ofensa ao conxunto dos veciños e veciñas”. Rivas demanda tamén “ter coñecemento das actividades que se fan na illa, que é parte do territorio de Redondela, en sinal de respecto institucional”.




