HomePontevedraRedondela esixe á Xunta de Galicia “respecto” para a illa de San...

Redondela esixe á Xunta de Galicia “respecto” para a illa de San Simón

- Anuncio -spot_img

– O Concello de Redondela denuncia a celebración na illa dun espectáculo titulado “+Q Bachata” autorizado pola Xunta ao que asistirán persoas “solo VIP y Golden Pass” con temática de festa pirata. A alcaldesa enviou un escrito ao conselleiro de Cultura no que solicita a cancelación do evento “porque é unha ofensa para centos de familias vítimas da ditadura militar e a represión”.

– Rivas cualifica de “indecente” que a Xunta non promova actividades “para conservar a memoria democrática na illa” e esixe unha vez máis “o ingreso do Concello na Fundación Museo do Mar de Galicia para participar, coñecer e opinar sobre as actividades que se celebren na illa, xa que pertence ao termo municipal de Redondela”.

O Concello de Redondela acaba de remitir á Xunta de Galicia un escrito dirixido á Consellería de Cultura, responsable da xestión da illa de San Simón a través da Fundación Museo do Mar de Galicia. O motivo do documento é “esixir respecto aos lugares de memoria democrática”. Esta demandan realízase logo de ter coñecemento o Concello da celebración dunha actividade na illa esta fin de semana.  Trátase dun espectáculo titulado “+Q Bachata” ao que poderán asistir persoas “solo VIP y Golden Pass” para unha festa con temática pirata. O evento conta coa autorización da Xunta de Galicia, malia que “nin por parte da Consellaría de Cultura nin da Fundación Museo do Mar de Galicia o Concello tivo coñecemento desta actividade”, suliña a alcaldesa, Digna Rivas. A rexedora considera “innecesario” que esta actividade se celebre nun lugar como San Simón, espazo declarado Lugar de Memoria Democrática. A alcaldesa advirte que “ofende a centos de familias vítimas da ditadura militar, da represión e da persecución”, polo que solicita a cancelación deste acto.

Rivas lembra que o pasado 9 de abril mantivo un encontro na Consellaría de Cultura para falar da illa de San Simón. Nesa reunión o conselleiro, José López Campos, rexeitou que o Concello de Redondela poida formar parte da Fundación que xestiona a illa. Con todo, comprometeuse a “controlar” a celebración de actividades “que puidesen resultar ofensivas á memoria das vítimas do franquismo”, e a “promover” actividades “para conservar a memoria democrática”. A alcaldesa lamenta que desde aquela reunión a Xunta “non celebrou un só acto sobre memoria democrática, pero si autoriza actos que ofenden á memoria das vítimas”. Para a alcaldesa trátase de decisións “indecentes”.

Ante esta situación Rivas esixe unha vez máis ante a Xunta “o ingreso do Concello de Redondela na Fundación Museo do Mar de Galicia, para participar, coñecer e opinar sobre as actividades que se celebren na illa de San Simón, que é termo municipal de Redondela”, e engade que esta exclusión da Xunta “é unha enorme ofensa ao conxunto dos veciños e veciñas”. Rivas demanda tamén “ter coñecemento das actividades que se fan na illa, que é parte do territorio de Redondela, en sinal de respecto institucional”. Tal como propuxo o propio conselleiro demanda “diálogo” para “valorar a programación de actividades sobre a memoria histórica” e esixe “respecto” aos lugares de memoria democrática. Rivas reitera o seu ofrecemento “para establecer o diálogo institucional necesario para unha mellor xestión dun espazo tan importante para Redondela como son as illas de San Simón e Santon Antón”.

Publicacións Relacionadas