O Concello de Mos, a través da concellería de Participación Cidadá, retoma o programa Tempo de Lecer 2025, un dos máis senlleiros e exitosos do municipio, con 16 anos de traxectoria e do que anualmente se benefician unhas 20 asociacións e máis de 450 persoas.
O programa Tempo de Lecer ten como finalidade favorecer e fomentar o asociacionismo, impulsar a vida sociocultural e comunitaria e ofrecer á veciñanza alternativas de lecer e formación non regrada adaptadas ás súas posibilidades, no seu medio máis próximo.
O devandito programa está dirixido a persoas maiores de 14 anos, empadroadas en Mos ou vinculadas a algunha das asociacións participantes. Ofértanse un total de 44 obradoiros, nos que poderán participar ata 22 asociacións. As sesións serán dunha a tres horas semanais, podendo repartirse en varios días, e deberán estar finalizadas antes do 15 de decembro de 2025.
Cada asociación podía solicitar máximo 2 obradoiros de 20 horas cada un: un a realizar entre maio e xullo, e outro entre setembro e decembro (en agosto o programa queda suspendido). Como medida excepcional este ano, as entidades que non realizaron o obradoiro solicitado no primeiro semestre poderán desenvolvelo neste segundo, de xeito que ningunha asociación quede sen a posibilidade de impartir a formación que tiña prevista.
O custo para os participantes é de 30 € por obradoiro (1,5 €/hora), asumindo o Concello o resto do financiamento.
Para poder levar a cabo os obradoiros, cada asociación deberá contar cun mínimo de 12 persoas inscritas. O máximo de participantes dependerá da actividade e do espazo dispoñible.
As persoas interesadas deberán anotarse directamente nas asociacións que oferten os obradoiros. Calquera persoa de Mos pode participar nas actividades sen necesidade de ser socia da asociación.
Cursos solicitados por cada entidade participante son as seguintes:
CSCD As Pedriñas → Intelixencia Artificial; Poda e enxertos.
Asoc. MM.RR. Val da Louriña → Sendeirismo; Iniciación ó móbil.
AA.VV. Nosa Terra de Pereiras → Dieta sa e equilibrada; Coidado de persoas maiores no fogar.
Asoc. de V. Miliario de Guizán → Uso do móbil iniciación; Conservación de alimentos.
Centro Social e Cultural de Herville → Bailes latinos; Cata de viños.
Asoc. Pailleiras de Mos → Calceta/Ganchillo; Pintura.
Círculo Cultural Abrente → Herbas medicinais; Como combater a ansiedade, remedios naturais.
Asociación de Maiores Asomamos → Pandeireta e canto tradicional.
Asociación R.C. Grupo F. Nosa Terra → Pandeireta e canto.
Asoc. Recreativa Cultural de Guizán → Pintura en vidro; Intelixencia Artificial.
AA.VV. Chan do Bosque → Conservación de alimentos; Poda e enxertos.
AA.VV. Petelos → Poda e enxertos; Arte floral.
Asoc. Cultural e Deportiva Santa Eulalia → Teatro; Velas artesanais.
Agrupación Cultural A Cividade → Xardinería; Poda e enxertos.
AA.VV. Santa Baia de Mos → Calceta; Conservación de alimentos.
Centro Recreativo Cultural Torroso → Chan pélvico.
Asoc. Cultural Tangaraño → Reparacións domésticas e bricolaxe no fogar; Tapicería.
AA.VV. San Rafael → Exercicio de forza: GAP.
AA.VV. Celado de Cela → Axilidade mental e técnicas para a memoria; Cociña tradicional galega.
AA.VV. San Mamede de Torroso → Corte e confección; Cociña tradicional.
Con esta ampla programación, o Concello de Mos consolida a colaboración co movemento asociativo local e garante que veciños e veciñas de todas as parroquias poidan acceder a unha oferta diversa e adaptada aos seus intereses.




