A concellería de Infraestruturas e Sostibilidade, que dirixe Roberto Villar, rematou os traballos de pavimentación do Camiño das Ánimas, en Chapela. Trátase dunha obra que era “moi demandada pola veciñanza e que serve para mellorar a mobilidade e a seguridade viaria nunha zona moi complexa e perigosa polo gran desnivel que presenta”, explica Villar. O concelleiro advirte tamén que, no sentido ascendente desde a Avda de Vigo, no Camiño das Ánimas a circulación só está permitida para os residentes.
Os concelleiro Roberto Villar visitou a rúa co edil de Urbanismo, Antonio Cabaleiro, para comprobar o resultados dos traballos, que consistiron no acondicionamento de todo o pavimento da rúa e a mellora dos sistemas de drenaxe, co que se evitará as escorrentías de auga da chuvia. En función das características do trazado, nalgunhas zonas estendeuse aglomerado despois do fresado e aglomerado asfáltico en quente. Noutros tramos co pendente máis pronunciada estendeuse unha base de pavimento de formigón armado, deste xeito o firme permitirá un mellor agarre dos vehículos. Tamén se realizou un muro de quince metros de lonxitude para darlle máis estabilidade ao noiro, ademais de drenaxes para unha mellor conservación do camiño.
Os traballos, incluídos o Plan Máis Provincia 2024 da Deputación, licitáronse por un importe de 107.279 euros.




