• “Ben está o que ben remata, pero este tema ía camiño de se converter nun caso similar ao do “Buraco da Vergoña” que houbo que sufrir durante moitísimo tempo en Viascón e que poñía en risco a seguridade vial dos veciños e do intenso tráfico da N-541”
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela amosou a súa satisfacción polo asfaltado da rotonda da N-541 que vai camiño de solucionar o problema de seguridad vial existente no acceso ao núcleo urbano de Cerdedo, no cruce que dá acceso ao vial a Sabucedo e A Estrada, e que levaba anos sendo obxecto da reclamación do goberno municipal ante o Ministerio de Fomento.
Cubela manifestou que “ben está o que ben remata, pero este tema ía camiño de se converter nun caso similar ao do “Buraco da Vergoña” que houbo que sufrir durante moitísimo tempo en Viascón e que poñía en serio risco a seguridade vial dos veciños e do intenso tráfico da N-541”.
O rexedor comentou con certo enfado que “tiveron que pasar anos e anos desde que o Ministerio de Fomento se comprometera con nós para construír dúas rotondas na N-541, á entrada e saída de Cerdedo, para reducir a velocidade do intenso tráfico que utiliza esta estrada nacional, arteria de comunicación entre as provincias de Pontevedra e Ourense.
Estas glorietas xa foran proxectadas na época de Ana Pastor, como
ministra de Fomento, pero chegou a moción de censura contra o presidente Rajoy e as rotondas entraron nun proceso de demora inxustificable”.
“Agora —continuou Jorge Cubela— co asfaltado desta segunda rotonda remátase un proceso de reivindicación e de xestión ante o Ministerio de Fomento que levou tempo e tempo resolver e que, afortunadamente, agora vemos que se está concluíndo. Estas dúas rotondas, á entrada e á saída do núcleo urbano de Cerdedo, permite que o tráfico discurra de xeito máis calmado favorecendo a seguridade dos peóns e tamén dos vehículos con circulación local que se incorporan á N-541 para transitar dun lado a outro do municipio”, indicou o alcalde de Cerdedo-Cotobade.




