O alcalde Manu Lourenzo sinalou que estas novas prazas súmanse ás xa habilitadas polo Goberno de Soutomaior na rúa Forneira.
Este mércores comezaron as obras de habilitación do aparcadoiro da Avenida Xosé Solla situado a carón do Cruce de Pierres, impulsadas polo Goberno de Soutomaior co obxectivo de ampliar o número de prazas de aparcadoiro gratuítas no núcleo comercial de Arcade.
As obras que se están levando a cabo neste aparcadoiro, consistentes na súa ampliación, adecuación e reordenación, suporán unha ampliación significativa no número de prazas de aparcadoiro na Avenida Xosé Solla, mesmo duplicando a cantidade de prazas coas que conta actualmente dito aparcadoiro.
O pasado mes de maio o Goberno de Soutomaior xa habilitou unha zona de aparcamento na rúa Forneira, que sumou 20 novas prazas e que da servizo tanto a negocios de restauración como a zonas de lecer. Ademais, o concelleiro de Urbanismo, Pablo Garrido, sinalou que “seguimos con negociacións de fincas para incrementar aínda máis o número de prazas de aparcamento na zona urbana do noso concello”.
Neste sentido, o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, agradeceu a colaboración dos propietarios das fincas que cederon de maneira desinteresada e gratuíta os seus terreos para que o Goberno local levase a cabo esta ampliación das prazas de aparcamento.
O alcalde Manu Lourenzo sinalou que “a ampliación deste aparcadoiro da Avenida Xosé Solla é un paso máis na folla de ruta do Goberno de Soutomaior para dotar de máis prazas o núcleo urbano de Arcade. Cumprimos así un dos nosos compromisos ao comezo do mandato, como é mellorar o día a día dos veciños e veciñas e facilitar o acceso ao comercio local con máis bolsas de aparcamento gratuítas”.
Ademais, o alcalde de Soutomaior manifestou que “no Goberno local seguimos a traballar para aumentar aínda máis o número de prazas de aparcadoiro no núcleo urbano do noso concello, ao tempo que seguimos avanzando nun modelo urbano e do tráfico máis eficiente e ordenado e que deixe atrás o actual modelo caótico e desfasado, co obxectivo de que Soutomaior siga crecendo”.




