- Os traballos contan cun orzamento de execución de 17.000 euros
- O Concello de Soutomaior acaba de finalizar os traballos de recuperación do patrimonio que estaba a levar a cabo no lavadoiro do barrio de Moreira. A actuación, enmarcada no Programa Municipal de Recuperación de Patrimonio, ten como obxectivo recuperar antigas zonas de uso colectivo, como fontes e lavadoiros, para darlles unha nova vida.
Estes puntos servían tradicionalmente como lugar de encontro entre os veciños, nos que ademais de lavar a roupa compartíanse experiencias e fortalecíase a comunidade. Para manter viva a esencia destes lugares, o lavadoiro recuperouse utilizando materiais nobres e autóctonos, como o granito, garantindo así a súa integración total na contorna. - Ademais de dar unha nova cara a todo o conxunto mediante unha limpeza e rejuntado de toda a cachotería perimetral, procedeuse á selaxe do interior do lavadoiro e reformouse por completo o chan coa instalación dun novo pavimento de pedra granítica. A cuberta anterior de ladrillo foi demolida para instalar unha nova con estrutura de madeira e cuberta a catro augas de tella cerámica.
- Por último, instalouse unha varanda de seguridade no exterior do recinto, unha luminaria estanca e un proxector led para dotar ao lavadoiro de iluminación, e unha válvula de baleirado para garantir a correcta evacuación da auga en momentos de moita acumulación ou intensas choivas.
O alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, acompañado da edil de Xuventude, Noelia Ocampo, visitou esta mañá o lavadoiro para comprobar o resultado da mellora e destacou que “durante estes últimos anos recuperamos decenas de fontes e lavadoiros en todo o municipio. Son unha parte moi importante da nosa historia que debemos protexer e conservar”, explicou o rexedor. Os traballos contaron cun orzamento de execución de 17.000 euros que o Concello de Soutomaior financiou a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.




