Este ano Soutomaior vai a correr o Entruido, a recuperar o rito do galo e os xantares gastronómicos típicos desta época do ano.
O Entroido chegará con moitas novidades este ano a Soutomaior, entre elas, a celebración do desfile de comparsas que, debido ás elección galegas do 18 de febreiro, se adianta ao sábado 3 de febreiro. Outra das novidades será que este ano ademais dos premios de participación a todas as comparsas tamén haberá premios do xurado e unha gran festa en Talo Río ao finalizar.
Un Entroido que virá cargado nese 2024 polo traballo de investigación realizado polo antropólogo Rafa Quintía que durante meses estivo realizando entrevistas nos diferentes barrios do municipio co fin de acceder e contar con información sobre a tradición e o patrimonio co que conta o concello de Soutomaior.
A través deste pormenorizado estudo, Quintía, obtivo moitos datos de interese vencellados co rito de Entruido do que forman parte correr o Entruido, a corrida e desfile do galo, os bailes ou fiadas do martes de Entruido, os ritos satíricos e burlescos con mecos e os ritos comensalidade. Con este estudo, o antropólogo Quintía conseguiu recoller información que data do ano 1935. Outro dos cos que conta Quintía nas súas entrevistas é que en Soutomaior denominaban esta época do ano como Entruido, sendo esta a variedade dialectal máis utilizada, por este motivo a marca desta festividade no concello será “Entruido Soutomaior“
Nos vindeiros días dende o Concello darán a coñecer a programación detallada do Entruido pero xa adiantaron que os días grandes serán, ademais do 3 de febreiro, os días 10, 11 e 13 de febreiro, aínda que haberá máis xornadas con actividades.
Dende o concello animan á veciñanza a participar e a recuperar esta tradición no municipio para contar e ter o Entruido que Soutomaior se merece. Ao tratarse dunha festa participativa o concello convida a toda a cidadanía a unha reunión informativa, o luns 15 de xaneiro ás 19:00 h. na Casa da Cultura de Soutomaior, co alcalde, Manu Lourenzo, e o antropólogo, Rafa Quintía, durante a cal se presentará todo a información recollida dándose a coñecer as claves para vivir o Entruido máis singular que Soutomaior tivo nunca.




