O alcalde Manu Lourenzo subliñou todas as actuacións que o Goberno local está a levar a cabo para subsanar as eivas e deficiencias da rede municipal de separativas.
As deficiencias da caótica rede de separativas municipal. O Goberno de Soutomaior iniciará a vindeira semana as obras de arranxo da rede de abastacemento de auga da rúa de Cochón. A actual rede ten máis de 25 anos e desde o momento mesmo da súa instalación contou con numerosas problemáticas. Así, só nos últimos dez anos esta rúa sufriu máis de 45 fugas e verteduras.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que esta obra súmase a outras moitas actuacións que o Goberno de Soutomaior está a acometer para dar arranxo ás importantes eivas coas que conta a rede municipal de saneamento e de separativas. Todas estas actuacións desenvólvense ao abeiro do Plan Ría Viva, un ambicioso proxecto do Goberno de Soutomaior para poñer fin ás verteduras á Ría de Vigo.
A rede de separativas de Soutomaior presenta numerosos problemas desde o momento mesmo da súa construción e que se foron agravando ao longo das décadas pola falta de mantementos e unha correcta planificación. Esta mestura en numerosos puntos do seu entramado as augas pluviais e fecais, provocando verteduras contaminantes á ría de Vigo e a saturación da estación depuradora de Arcade, especialmente cando se producen episodios de choiva forte e abundante.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que “agora mesmo a situación da rede de saneamento supón un dos principais retos que ten o concello de Soutomaior por diante na vindeira década”. O alcalde solicitou colaboración ás diferentes administracións, como a Xunta de Galicia ou o Ministerio de Fomento, para seguir avanzando no Plan Ría Viva. “É urxente poñerlle solución ao saneamento caótico que temos en Soutomaior desde hai décadas, e iso esixirá dos esforzos e achegas de todos”.
Neste sentido, o alcalde Manu Lourenzo reivindicou a importancia de evitar as verteduras na Ría de Vigo, “ un dos grandes tesouros da nosa contorna”. “O Plan Ría Viva é a contundente resposta do Goberno de Soutomaior ao modelo de saneamento caótico que durante moitos anos se levou a cabo no noso concello e que agora está a provocar situacións que o Goberno local está a abordar con urxencia e seriedade”.




