O Goberno Local de Soutomaior presentou a través do Plan + Provincia un proxecto para a recuperación e restauración das zonas de xogo infantil do concello de Soutomaior.
No momento de entrada no Goberno, o Goberno Local fixo unha auditoría das zonas de xogo dos parques infantil do concello. O concelleiro de Urbanismo, Pablo Garrido, encargado de supervisar dita auditoría sinalou que “o estado no que se atopan a práctica totalidade dos parques municipais é lamentable, tanto na súa conservación como no seu mantemento. Isto supón un serio risco para os rapaces e rapazas que acoden a estes parques e desloce a imaxe que Soutomaior traslada ás familias que veñen ao concello cos seus fillos e fillas”.
O proxecto presentado polo concello de Soutomaior no Plan +Provincia, da Deputación de Pontevedra, esta dotado dun investimento de máis de 45 mil euros para a recuperación de parques infantís. A 1ª actuación deste proxecto estará centrada nos parques infantís municipais do Peirao, no da Feira, no da Devesa, na Veiguiña Longa, en Aranza, en Moreira e na Lamela.
Manu Lourenzo dixo esta mañá que “no momento en que chegamos ao Goberno os parques infantís estaban nun estado inadmisible, no concello temos 18 parques polo que urxe ir actuando naquelas zonas que teñen maiores usuarios, trátase de preservar a seguridade das nenas e nenos e de mellorar as instalacións para que poidan xogar e desfrutar. O proxecto que presentamos ao Plan + Provincia vai a corrixir todas estas deficiencias”.
O goberno municipal fomentará, a través destes proxectos a inclusividade nestes espazos recreativos adaptándoos para que calquera neno ou nena, sexa cal sexa a súa diversidade funcional, poida desfrutar de maneira autónoma deles.




