Unha vez realizado este trámite por parte do concello agora é a quenda de que catastro e o rexistro da propiedade fagan o seu traballo para poder facer efectiva a transferencia dos terreos aos Sergas.
O concello de Soutomaior fixo os deberes no que implicaba a súa responsabilidade para os terreos do novo centro de saúde do municipio.
O pasado martes 23 de abril o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, asinou na notaría a escritura de adquisición dos terreos nos que se ubicará o novo centro de saúde do concello.
Con este procedemento o concello de Soutomaior remata o proceso e queda á espera de que o rexistro da propiedade faga efectiva a inscrición e de que catastro realice o cambio de titularidade para que, deste xeito, o concello poida dispoñer deles e transferir ao Sergas a parcela resultante.
Con esta nova o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo deixou claro nesta xornada que “o concello fixo os deberes para que Soutomaior dispoña canto antes do novo centro de saúde, por esta razón lle pido a todas as administracións implicadas premura para poder mellorar canto antes a situación da sanidade no noso municipio”. O alcalde lembrou que “o concello conta cunha alarmante falta de médicos, con só tres para atender a 7500 veciñas e veciños, é dicir, unhas ratios por enriba do que aconsella a OMS. Seguimos insistindo en que o centro de saúde é importante pero moito máis importante é que a Xunta cumpra a súa palabra e nos dé canto antes o médico que nos falta”.
Manu Lourenzo engadiu nesta xornada que “queda traballo por diante, pero tras esta disposición dos terreos estamos un paso máis cerca de que se mellore a atención sanitaria no noso concello. Agora toca actuar con responsabilidade e estar atentos a que se cumpran os compromisos coa veciñanza de Soutomaior, que é o prioritario”.




