O goberno estatal non debería aceptar un proxecto que afecta o noso medio e o noso patrimonio cultural
Desde o BNG vemos como estupor como unha vez máis o noso concello volver estar na diana das eléctricas cos seus proxectos eólicos espoliadores. Cando xa contiñamos o alento ao TSXG suspender cautelarmente o parque eólico do Campo das Rosas, outro proxecto, este aínda máis grande, volve a activar todas as alarmas.
No BNG non vemos normal que se proxecte un novo parque eólico nunha zona que ten xa proxectos en tramitación paralizados pola xustiza pola súa afectación á Rapa das Bestas. Isto xa debería ser motivo abondo para que o Goberno do estado non admita a trámite outra nova agresión o noso medio e a nosa cultura e patrimonio.
O parque eólico de Parque Eólico Xubrintas, impulsado por Driza Incosa e que se instalará nos concellos da Estrada, Cerdedo-Cotobade e Campo Lameiro contará 15 aeorxeradores de 15 megawatios.
Desde o BNG non compartimos o modelo depredador que desde a Xunta, mais tamén desde o Estado, impulsan no noso país, onde se lucran unhas poucas empresas eléctricas, deixando os nosos montes inzados de eólicos, sen que iso repercuta en beneficio algún para os veciños e veciñas.
Por outra parte, instamos unha vez máis ao concello a alegar a este novo proxecto que afecta de cheo á Rapa das Bestas e a poñerse do lado dos veciños e veciñas.




