As catas realizadas revelaron graves filtracións dende a praza situada sobre o edificio. A Deputación gastou 1,3 millóns euros en 2010 nunhas obras que non cumpriron o seu cometido.
As obras de impermeabilización do Auditorio, executadas en 2010 mediante un convenio
entre o goberno municipal presidido por González Solla (PP) e a Deputación dirixida por
Rafael Louzán (PP), e nas que se investiron 1,3 millóns de euros, explican as filtracións e os
graves danos que ven soportando o Auditorio e que obrigaron ao Concello a pechalo. Así se
conclúe nun informe elaborado polos servizos técnicos municipais que apuntan a posibeis
responsabilidades do promotor ou construtor da reforma realizada hai unha década.
Segundo o informe os problemas de filtracións reapareceron pouco despois da reforma do
edificio de 2010 e co paso dos anos foi a máis até chegar ao punto actual que fai imposíbel
a utilización da meirande parte do edificio.
No proxecto de reforma de 2010 sinalábase que existían filtracións importantes no
Auditorio polo cal as obras consistirían en actuar sobre a coñecida como Praza da Música
demolendo todo “o pavimento exterior e a impermeabilización existente” e executando
“unha nova cuberta transitábel mediante a previa impermeabilización”.
No informe técnico municipal explícase que a cuberta do auditorio conta cunha deficiente
impermeabilización “por unha incorrecta solución construtiva ou mala execución” e que
existen numerosos puntos polos que entra unha considerábel cantidade de auga. As
humidades e filtracións detectadas sitúanse nos diferentes lucernarios do edificio, nos
ocos onde se atopa a carpintería exterior do edificio, baixo as xardineiras, nas zonas de
contacto entre as paredes e o terreo situado debaixo das rúas así como na deficiente impermeabilización do pavimento da praza situada sobre o Auditorio que “non está a
cumprir axeitadamente o seu cometido”.
O informe técnico salienta que en agosto de 2020 ao realizarse un arranxo puntual no falso
teito de madeira situado na sala principal de butacas “sairon á luz varios problemas
importantes”. Entre eles cítanse importantes filtracións de auga e a existencia de carcoma
na madeira. A raíz de dito arranxo puntual levouse a cabo unha serie de catas que
“amosaron que todo o falso teito estaba afectado”. Debido ao perigoso estado, por urxencia
e por posibeis desprendementos, accedeuse a ver o forxado de cuberta do edificio
observando “claramente, a pesar de ser o mes de setembro bastante seco, que existen
zonas anegadas pola auga que se filtran polo pavimento da praza ocasionando humidades
e eflorescencias nas propias viguetas e bovedillas que o conforman”. O falso teito de
escaiola tamén está afectado, a pesares de que se ven “arranxando de forma puntual cada
pouco debido ao seu estado de enchoupado”. Como consecuencia destes excesos de auga,
entre o mes de novembro e decembro de 2020 producíronse varios desprendementos que
causaron danos materiais.
As catas realizadas no pavimento da praza ubicada sobre o Auditorio permitiron
comprobar que as obras executadas no seu día non se axustan ao que se recollía no
proxecto de reforma e que a auga se filtra cara o interior do edificio.
O Goberno Local salienta que “aquelas obras feitas hai dez anos tiñan como principal
finalidade eliminar as humidades, filtracións e pingueiras que sofría o Auditorio como
consecuencia das obras do parque infantil executadas uns anos antes”. O executivo
municipal conclúe que “a Deputación adxudicou en 2010 obras por importe de 1,3 millóns
euros para resolver o problema e en lugar de solucionalo provocou máis filtracións e
humidades que agora impiden continuar coa utilización do Auditorio”.
O informe técnico conclúe que mentres non se resolvan as causas que provocan a entrada
de auga e non se revise e sanee toda a estrutura que soporta o falso teito da sala de butacas
non é segura a súa utilización. Ademais, a arquitecta técnica municipal remitíu o informe á
asesoría xurídica para que avalíe “se procede tomar acción algunha en canto á solicitude
de responsabilidades ao promotor ou construtor da última reforma do edificio realizada
no ano 2009-2010”.A alcaldesa accidental, Cristina Fernández Davila, dirixíuse xa á Presidenta da Deputación
para manter unha reunión na que se abordará a problemática e as posibeis solucións.
Ademais, a alcaldesa solicitou á institución provincial que requira o correspondente
informe ao director da obra executada en 2010.




