HomePontevedraBaixo MiñoUnha ducia de actividades enchen o “Setembro Xudeu” en Tui con visitas...

Unha ducia de actividades enchen o “Setembro Xudeu” en Tui con visitas guiadas, conferencias, exposicións, música e ruta de tapas

- Anuncio -spot_img
Tui é a única cidade da provincia integrada na Red de Juderías de España e no itinerario cultural do Consello de Europa “Rutas do patrimonio xudeu”

O mes de setembro en Tui estará centrado nas actividades programadas para a posta en valor do patrimonio que atesoura esta localidade en relación coa presenza de comunidades xudías e criptoxudías ao longo dos séculos nesta histórica cidade.

A celebración, en 35 países de toda Europa, na primeira fin de semana de setembro das Xornadas Europeas da Cultura Xudía – que Tui celebra dende o ano 2006 – é a oportunidade para un amplo programa de actividades que percorren todo o mes.

Visitas guiadas tematizadas, conferencias, exposicións, xogo de escape room, concerto de música sefardí, as xornadas gastronómicas sefardís centradas neste ano nunha ruta de tapas de bacallau… son as ofertas que o Concello de Tui programa para este “Setembro xudeu” co obxectivo de poñer en valor a importancia da herdanza da cultura xudía e o seu patrimonio.

Cada ano se selecciona unha temática central que serve como punto focal para debates, actuacións e diversas actividades culturais. En 2024, o tema central das Xornadas Europeas da Cultura Xudía será “Familia”, un concepto co que a Rede de Xuderías -da que Tui forma parte dende 2019- quere mostrar como o proxecto común de recuperación do legado xudeu que comparten as súas 21 cidades é entendido como a extensión dunha gran familia que traballa unida nun proxecto profundamente enraizado e que crece e florece arredor da cultura e o patrimonio.

Ao longo de todo o mes de setembro colocarase na Praza do Concello e na Oficina de Turismo unha gran árbore que simboliza a unión e o crecemento das cidades que forman parte da Rede, propoñendo á veciñanza e visitantes formar parte das Xornadas cunha sinxela actividade dotada de premios. Para iso, os participantes deberán facerse unha foto xunto á árbore, e subila a instagram etiquetando á conta da Rede de Xuderías nesta rede social (@redjuderias). Entre todas as fotos, sortearanse exemplares das publicacións da Rede de Xuderías que rescatan o patrimonio material e inmaterial desta herdanza (“Ciudades de Sefarad”, “Sabores de Sefarad” e “Gastrosimbología”).

Para a concelleira de Turismo e Patrimonio, Ana María Núñez Álvarez, a celebración deste “Setembro xudeu” reúne un amplo abano de ofertas e actividades para todos os públicos que nos achegan ao coñecemento do legado xudeu na nosa cidade que conforma un interesante capítulo da historia tudense. Cabe lembrar, engade a concelleira, que Tui é a única cidade da provincia de Pontevedra que forma parte da Red de Juderías de España – Caminos de Sefarad e do itinerario cultural do Consello de Europa “Rutas do patrimonio xudeu” que xestiona a The European Association for the Preservation and Promotion of Jewish Culture and Heritage (AEPJ).

Ana María Núñez destaca, xunto ás visitas teatralizadas, a presentación do libro e exposición de Vilma Faingezicht – que chega dende Costa Rica -, a conferencia de Israel Doncel, director de comunicación de Casa Sefarad, o concerto do dúo “Terra sigilata” co seu espectáculo “Las madres de Sefarad”, o xogo de escape room ou a nova oferta das xornadas gastronómicas sefardís cunha ruta de tapas de bacallau en oito establecementos da nosa localidade.

PROGRAMA

Todo o mes de setembro

Photocoll Xornada Europea da Cultura Xudía – Familia

Situado en Praza do Concello e Oficina de Turismo

Escape  Room, descarga mediante QR na Oficina Municipal de Turismo

Xornadas gastronómicas sefardís: ruta de tapas de bacallau

Domingo, 1 de setembro

11,30 h.: Visita guiada “As familias xudías de Tui”

Guiada polo historiador Suso Vila

Inicio no lavadoiro de Riomuiños

Luns, 2 setembro

20,00 h.: Presentación do libro de Vilma Faingezicht

“Una judía en el Camino de Santiago”

Exposición “Luces de esperanza dende os sambenitos de Tui” de Vilma Faingezicht

Exposición “As familias criptoxudías, entre a diáspora e a asimilación, os Coronel”. Comisario Suso Vila.

Sala Municipal de Exposicións – Edificio Francisco Sánchez

Venres 6 de setembro

19,30 h.: Conferencia ““El mundo judío comunicado a través del arte”

Israel Doncel, director de comunicación de Casa Sefarad

Sala Municipal de Exposicións – Edificio Francisco Sánchez

Sábado, 7 setembro

22,00 h.: Visita guiada nocturna con degustación de viño kosher

Inicio Oficina Municipal de Turismo

Domingo, 8 setembro

11,30 h.: Visita guiada con momento musical

Inicio Oficina Municipal de Turismo

Domingo, 15 domingo

11,30 h.: Vista teatralizada ao patrimonio xudío

Inicio Oficina Municipal de Turismo

Domingo 22

11,30 h. Visita guiada “Presenzas xudías na catedral de Tui”

José Ramón Fernández Fernández

Inicio: Portada da Catedral de Tui

20,00 h.: Concerto do dúo “Terra sigilata” co seu espectáculo “Las madres de Sefarad”

Igrexa gótica de San Domingos de Tui

Sábado 28

18,00 h. Escape Room: “A comunidade xudía de Tui”

Inicio Oficina Municipal de Turismo

Domingo 29

18,00 h. Visita guiada ao Tui xudeu

Inicio na Oficina Municipal de Turismo

Publicacións Relacionadas