O alcalde Ricardo Martínez, felicitou a Susana Antón Mandayo que se clasificou coa súa composición en galego “Primeiro Inverno”
O alcalde do Concello de Portas, Ricardo Martínez, felicitou a Susana Antón Mandayo, licenciada en Xeografía e Historia, técnica en elaboración de viños e veciña de Romai, por clasificarse como finalista do VIII Premio Internacional de Poesía Jovellanos, “El mejor poema del mundo”, no que competía cunha composición en galego ante 2.665 poemas de autores procedentes de medio cento de países do mundo.
Susana Antón concursou co poema en galego “Primeiro Inverno” e foi considerada polo xurado desta prestixioso certame internacional que pretende convertir a Asturias na capital mundial da poesía como unha das 30 finalistas entre os 2.665 poemas presentados.
Ricardo Martínez felicitou a Susana Antón en nome da Corporación Municipal e manifestou o seu orgullo e satisfación porque unha veciña de Romai fora acreedora de tan importante distinción, “unha auténtica xesta no mundo da poesía polo prestixio e gran calidade dos literatos que concurren a este prestixioso premio. Desde logo para todos nós, que unha veciña do noso municipio teña este recoñecemento tan importante é de salientar e de agradecer de que alá onde vaia leve sempre con orgullo o nome do seu pobo de procedencia”, indicou o alcalde de Portas.
Antón Mandayo agradeceu as palabras do alcalde e manifestou que se sentía moi satisfeita pola participación neste certame internacional aínda que confesou sentirse certamente “abraiada polo resultado e pola experiencia vivida. O certo é que a poesía é unha disciplina literaria que sempre me atraeu e que “Primeiro Inverno” rematara entre os primeiros entre 2.665 poemas presentados por autores de 50 países é todo un orgullo para min”.
Susana Antón Mandayo iniciou a súa andaina literaria no eido da narrativa coa escrita na post-adolescencia de varios relatos recollidos no libro “O asasino de calindornas” (1981). Nesa mesma década colaborou coa mítica revista de pensamento libertario “Arco da Vella”.
Ten escrito varios poemarios como “Caixas de cristal”, “Esgotando o azul”, “Filla da xardineira” ou “Adiado”. Tamén ten inéditos álbumes ilustrados como “Os tres”, “O gato e a cereixa” ou “O ladrón de lúas” en colaboración co pintor vigués Alfredo Vázquez e o artista gaditano José Manuel Medina Tamayo.
Participou en varios concursos poéticos gañando no ano 2019 o VII Certame de Poesía Nuestra Musa la Camelia, que se organiza no Pazo de La Saleta, no veciño concello de Meis.




